CARLOS CASARES
30 jul 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Onte, durante a sobremesa dun xantar, contáronme unha das historias mais fantásticas relacionadas coa raposería humana das moitas que escoitei na mina vida. Digo esto porque coñezo unhas cantas, pois este comportamento, entre a cazurrería intelixente e o instinto animal, resúltame fascinante. Se fose guionista de cine e tivese que escribir un texto para facer unha película cómica, dificilmente podería atopar un argumento mellor. Non se trata, ademais, dun conto ou cousa inventada, senón dunha historia real, avalada por un notario, xa que me estou referindo a un asunto relacionado cun testamento. A escena hai que imaxinala nunha casa de aldea, co moribundo metido na cama, respirando con dificultade, falando sen forzas, a punto de entregar a alma. O resto, tamén se pode supoñer: os familiares arredor, saloucando polo baixo, mentres o ser querido vai dictando pouquiño a pouco as súas ultimas vontades. Faino coa dolor profunda de quen se está despedindo desta vida, pero coa conciencia de estar cumprindo co seu deber. O home empeza a dictar as disposicións. A casa grande, para o seu fillo Antonio, que tanto o coidou. O pendello, para unha irmá do anterior. Un prado de considerables dimensións, para o mesmo Antonio, suliñando algunhas virtudes máis, como que fora sempre un fillo bo cos seus pais e que nunca lles dera desgustos. Novamente, para a filla que xa recibira o pendello, deixáballe tamén un leira pegada ó río. E así, alternando entre os dous herdeiros, o home ía deixando caer, propiedade a propiedade, todo o seu patrimonio. A cousa estivo a punto de funcionar, senón fose porque o notario descubriu un morto debaixo da cama.