CAMILO NOGUEIRA EURODEPUTADO DO BNG DE COTÍO
26 jul 2001 . Actualizado a las 07:00 h.François Miterrand, defendendo a idea da Europa política para alén dos Estados, ten dito que o «nacionalismo é a guerra». O presidente de Franza referíase inequivocamente ao nacionalismo hexemonista dos Estados que provocaron as tráxicas guerras que causaron millóns e millóns de mortos en toda Europa e conmoveron ao mundo inteiro. El viviu a Segunda Guerra Mundial na que os estados democráticos tiveron que defenderse do criminal imperialismo nazi que contou co apoio da Ditadura franquista. Miterrand non se refería a Finlandia, Noruega, Irlanda ou Polonia, nen aos de outros muitos paises europeus que nos dous últimos dous séculos conseguiron a independencia para as súas nacións. Nen a Cataluña ou Escocia, onde unha parte substancial da sociedade procura o autogoverno nacional. Tampouco a Eslovenia ou a Bosnia, agredidas por Serbia. En todo caso non trataba dun nacionalismo como o galego que loita democraticamente polo recoñecemento de Galiza como unha nación aberta, para mellorar as condicións políticas, económicas, sociais e culturais da nosa sociedade. Resulta por iso cínico, provocador e irresponsábel que un antigo ministro de Franco, agobiado ante a posibilidade de perder un cargo presidencial que ten como da súa propiedade, identifique coa guerra aos que dentro das institucións constitucionais continuamos o pensamento e a acción política de quen lle da o seu nome ás medallas Castelao.