SOBRE NOVELÍSTICA BRASILEIRA

La Voz

OPINIÓN

FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO DE COTÍO

25 jul 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Quizais por afinidades de idioma, as letras brasileiras, como as portuguesas, despertaron sempre en nós especial interese. Parecíanos que o gran novelista do Brasil fora ese mulato xenial, amargurado e pobre, Machado de Assis. Triste, agre, na súa vida, pero non na súa obra. Porque era esta humana, baruda, xusticeira, artística, profunda. Nos momentos enque Eça de Queiroz escribía en Portugal a súa importante producción literaria, no lonxano Brasil colonial aparecían libros de poderoso contido, belos de expresión. Tais como Bras Cubas, Quineas Borba ou D. Casmurro. Na novela e o coto brasileiros contemporáneos é onde atopamos a mellor colleita do relato rexional. Viñeron ser expresión esbronzadora de insatisfación contra o medio inxusto. Os seus autores furgaron o esencial da terra e o home. Un arquetipo para novela e ensaio foi Os Sertoes de Euclides da Cunha. José Luis do Rego crebou a marcha desta pleiade de narradores. As súas primeiras novelas reflexaron intenso valor autobiográfico. Pero esa infancia sinxela decorreu na natureza do país, perante a catástrofe dos seus ríos treboentos e a potencia imensa das selvas. Completaron a súa obra narracións tan significativas como Agua mae, Fogo morto, Cangaceiros, entre outras. Seguindo nos comezos a Eça de Queiroz, Graciliano Ramos fixo o encontro do seu destino de escritor. Nembargante, desde S. Bernardo seguiu a propia traxectoria cos pés fixos na terra de seu, mais ó servizo da xustiza e da piedade humanas. Os volumes de Memoria do cárcere, en que non só ofrece o nome senón o poder de se meter dentro do sochán, fan lembrar a Dostoiewski. Jorge Amado empeñouse, en alma e corpo, na loita pola xustiza social. O seus primeiros libros son intensamente rexionais, aínda que dunha temática denunciadora, tráxica. Despois veu Jubiaba, onde a vida primitiva desenvolve como categorías cotiás, os dramas do amor, do adulterio, da morte. Ó cabo Mar morto, de grande intensidade lírica. Algúns quixeron ver complexidades anormais no desexo sexual de Guma, un rapaz de once anos, pola súa nai prostituta. Pero quizais extremaron as súas interpretacións. Poderíanse citar outros nomes estimables, como Mario de Andrade, Cornelio Pena, José Américo de Almeida, ou Octavio de Faria. Tamén a dúas mulleres novelistas: Rachel de Queiroz, autora de Caminho de pedras, e Lucia Miguel Pereira, de Amanhecer. Influenciado en parte pola novelística norteamericana e polas tentacións do cinematógrafo, Erico Verissimo publicou unha serie de fermosas novelas que lle deron xusta sona. O primeiro éxito acadouno con Caminhos cruzados, orixinal de técnica e abastada de expresión. Seguironlle outros relatos de variado feitío. Sen dúbida foi O tempo e o vento onde Verissimo se atopou máis madurecido, máis dono das súas dotes de novelista. Unha brincadeira súa, Un gato negro na neve, deulle moita entrada na literatura norteamericana. Tivo grande repercusión no público. Algúns críticos consideraron que, para atinxila, sacrificara a calidade artística. Parécenos que non era asisado tal xuízo. Para nós Verissimo acretouse como un grande e ben difundido novelista do Brasil, con miras e ambición ó universal. Eis a panorámica visión da novelística brasileira, que tiramos de libros dos seus principais persoeiros. Lectura da que disfrutamos durante anos de familiaridade coas creacións narrativas que partindo de Machado de Assis nos achegaron deica Erico Verissimo.