O TOLO DAS NOITES

La Voz

OPINIÓN

CARLOS CASARES Á MARXE

24 jul 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Desde hai algúns días, na tertulia nocturna de Panxón, que este ano empezou un pouco tarde por culpa do frío e das chuvias, cando pechan o café e quedamos sos na terraza dándolle voltas ó mundo, á vida e ás persoas, aparece por alí un toliño que pasea en solitario polo paseo marítimo. É un mozo aínda relativamente novo, con cara de Xesús Cristo, que é un parecido que, nunca souben por qué, sacan moitos coma el: nariz de aguia, media melena e barba recortada. A cousa acaba aí, naturalmente, porque polo resto, o pobre non se parece máis que ó común dos tolos, cortados case todos polo mesmo patrón. Nunha primeira fase, este home fortemente avariado dedícase a ir dun lado para o outro, cunha man metida no peto dos pantalóns e a outra tendo conta do cigarro. Vai pronunciando un discurso no que entran só catro ingredientes: unha planta de formigón, varias armas, unha paleadora e un coello. O resultado pode ser o seguinte: «Para que queres a planta, que cha desfago coa paleadora e collo o wínchester de repetición e mato un coello». Outras veces, a variación adquire esta forma: «Collo unha pistola e a paleadora e desfágoche a planta de formigón e cázote como un coello». E outras diferentes. De cando en vez, o mozo achégase a nós e queda mirando, esperando que lle falemos. Entón preguntámoslle cousas normais. Por exemplo, cómo se chama, a que se dedican os pais, onde vive. Contesta a todo con sensatez e precisión, mesmo como se a cabeza lle funcionase ben, ata que se mete a paleadora polo medio ou a escopeta, ou a planta de formigón e o coello. Aí xa nos perdemos, e vaise. Non podo imaxinar como desde o ceo non fan algo por el. Eu faríao, se puidese.