TOURIÑO, ASÍ NON

La Voz

OPINIÓN

ANXO GUERREIRO Portavoz parlamentario de EdeG TRIBUNA

22 jul 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Como é ben sabido, un amplo sector progresista, composto por centenares de homes e mulleres sen militancia partidaria, xunto a outras persoas afiliadas a EdeG, propuxo a Touriño que o PSdeG como partido, e o propio Touriño como candidato á presidencia da Xunta, encabezara un amplo movemento progresista plural, ó estilo do realizado por Maragall en Catalunya, cun obxectivo preciso: lograr que a necesaria alternativa ó PP nas próximas eleccións estivese liderada pola esquerda, e non polo nacionalismo. O señor Touriño non tivo sequera a cortesía de respostar directamente ós cidadáns que lle tiñan formulado dita proposta. Pero si o fixo a traverso da prensa, e na súa resposta recurriu a unha falsedade grave, para xustificar a súa decisión. Afirmou Touriño que o motivo polo que non podía chegar a un amplo acordo progresista era que EdeG formara grupo parlamentario propio tralas eleccións do 97, como se EdeG tivera incumprido os acordos que sustentaban a coalición electoral de fai catro anos. Pois ben, cando Touriño afirma esto, falta gravemente á verdade. EdeG non só cumpriu escrupulosamente os acordos do 97, senón que actuou con exquisita lealdade co PSdeG ó longo de toda a lexislatura. En efecto, o acordo firmado, base da coalición electoral do 97, elevado a escritura pública e presentado diante da Xunta Electoral di literalmente na súa cláusula quinta: constituiranse, de acordo cas previsións regulamentarias, dous grupos parlamentarios, o do PSdeG e o de EdeG, que gozarán de plena autonomía no marco do programa común. Pero EdeG no só se limitou a este aspecto. Desenvolvimos plenamente o programa común, a traverso da nosa actividade parlamentaria, apoiamos ó PSdeG, desinteresadamente, nas derradeiras eleccións xerais e defendimos na sociedade e no Parlamento (a última vez con motivo da moción de censura) que o PSdeG, e non o nacionalismo, encabezara a alternativa ó PP. Cousa, por certo, que non fixo o propio secretario xeral do PSdeG. Podiamos engadir que o PSdeG nunca tivo motivos para censurar a actuación de EdeG ó longo desta lexislatura. Naturalmente o señor Touriño ten plena lexitimidade, a pesar do dito, para rexeitar politicamente as nosas propostas. Pero non ten o mínimo dereito a faltar á verdade sabendo que causa un grave dano á nosa reputación, para así xustificar ou ocultar as verdadeiras razóns que o levaron á ruptura con nós, e que nunca foron explicadas á opinión pública. Estes métodos restan credibilidade a quen os utiliza, e non parecen o mellor aval para quen di aspirar a presidir a Xunta de Galicia. Touriño, así non.