RECOMENDACIÓNS INSENSATAS

La Voz

OPINIÓN

TIRAR DO FÍO / María Xosé Quizán

21 jul 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

O Presidente galego, ante o problema demográfico, recoméndalle ás mulleres galegas a «producción» de criaturas. Cómpre recoñecer que mellorou a respecto de declaracións anteriores onde as mulleres eran obxectas, e os homes, seguindo os principios aristotélicos, supuñan o motor e principio activo da reproducción. Refírome aos tempos nos que animaba aos galegos a procrear coa badocada: "Seica non podes, non sabes ou perdiches as habilidades". Daquela, como tantos outros, consideraba as mulleres como corpos pasivos, usados para darlle descendencia ao marido, detector da patria potestade. Aínda hoxe, a Igrexa Católica considera máis importante o embrión que a persoa-muller. Agora, o Presidente, sabedor dos logros da reproducción asistida e dos avances científicos que permiten concibir sen homes (e dentro de pouco sen espermatozoides), pon o acento na «productora». Realiza o paso de obxecta a suxeita da producción e ademáis, na terminoloxía, aparece a xestación como un traballo, tendo, polo tanto, valoración social. Ben está. Pero continúa equivocándose ao confiar na exhortación como método convincente. Parir deixou de ser unha fatalidade para as mulleres occidentais. E non só polo cambio de mentalidade, que de nada serve se non vai acompañado da posibilidade de levalo a cabo, senón polo descubrimento dos anticonceptivos, o avance científico que máis contribuíu á liberación e benestar das mulleres. A partir de aí, parir é un acto consciente e de libre elección. Na sociedade anterior, existían homes e madres. Hoxe, hai mulleres que non queren ser nais porque iso non entra na súa concepción vital, e as que desexan ser nais, non queren renunciar a seren persoas (con intereses, ocupacións, profesións e vida propia). As mulleres mudaron o imaxinario instinto maternal pola realidade material de criar e educar. Queren parir con esperanza; compartir esa responsabilidade coa parella, no caso de tela, e co Estado; que o Goberno lles garanta que van ter unha sanidade e unha educación axeitada para a descendencia, etc. Daquela, nas sociedades occidentais onde as mulleres colleron as rendas dos seus úteros, as recomendacións idealistas do Presidente, a idea de que a patria necesita nova savia, non convencen a ninguén. Cómpren valoracións reais en termos económicos e sociais. Desde a racionalidade xa ninguén dubida de que o mundo avanza por necesidade. As persoas tenden a cubrir as súas necesidades e a melloralas canto poden. O que non é útil, o que non satisface e produce pracer, rexéitase; o que supón un traballo e unha carga excesiva, abandónase. Cada quen establece a súa orde de prioridades. Isto, tan elemental nas leis físicas ou do mercado, é ignorado por algúns políticos. O mesmo día que o Presidente galego daba estes consellos, o Presidente de Kenia facía unhas recomendacións fantásticas ao seu pobo: que se absteñan de relacións sexuais durante dous anos para combater a Sida.