SARDIÑAS E MERCADO

La Voz

OPINIÓN

Á MARXE / Carlos Casares

17 jul 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

O luns pola noite, cando xa dera a unha, achegueime cuns amigos ata o peirao de Panxón, dando un paseo antes de ir a durmir. Nese momento entraban no porto dous barcos de pesca, completamente ateigados de sardiña. Algunhas viñan xa metidas en caixas, outras en cestos de plástico e a maior parte aínda estaban nas redes. Eu nunca vira cousa igual, tantas sardiñas e tan fermosas. Brillaban na noite como se fosen de prata. E de prata pensei que serían, non polo material, senón polo valor. Alguén me recordou, sen embargo, unha lei elemental do mercado: as cousas valen moito cando son escasas e pouco cando son abundantes. Foi eso o que me axudou a entender o mínimo entusiasmo dos pescadores. Estiven falando cun deles, o señor Manuel, que se queixaba das horas que aínda lle quedaban de traballo: sacar o peixe das redes, lavalo, metelo nas caixas e logo marchar ata a lonxa, para vendelo. Saímos de alí cunha bolsa chea, regalo do mariñeiro, e organizamos unha sardiñada para onte. Foi a primeira vez que sentín na boca, co sabor, algo máis, quizais o regusto das imaxes contempladas na víspera, tan fermosas como son sempre as cousas máis apegadas á vida natural, neste caso a pesca feita por un home só, a bordo dunha lancha vermella. Pensei tamén nesa lei do mercado que me recordaran o día anterior. Cando un producto abunda, non vale nada. E cando falta, hai quen pasa fame. O mundo está ben feito, pero alguén mete areas nas engranaxes.