ESCENARIOS POSIBLES

La Voz

OPINIÓN

Á MARXE / Carlos Casares

16 jul 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Estiven lendo no último número do The New Yorker o cómic da páxina final. Nel aparecen dous locutores de televisión, Wanda e Biff, presentando un programa que se chama Os peores escenarios posibles. Primeiro dan a noticia de que o presidente Bush esvarou na ducha e estivo a punto de caer. A continuación conectan cun médico que di que, cada ano, miles de persoas sofren accidentes parecidos. Polo tanto, no peor escenario posible, o presidente puido entrar en coma e non repoñerse nunca. A segunda noticia ten que ver cunha enquisa que trata sobre a idea que os cidadáns se fan do seu presidente. Segundo os datos que acaban de chegar á redacción, moitos americanos pensan que Bush non é o home máis intelixente que teña ocupado ata agora o famoso despacho oval da Casa Branca, pero ¿qué pasaría se el fose literalmente a persoa máis estúpida que xamais teña existido? A resposta á esta grave pregunta vaina dar o profesor Siegfried Roy, catedrático dunha prestixiosa universidade do Este. Tendo en conta que o presidente controla o arsenal nuclear, unha falta de intelixencia pola súa parte podería conducirnos a unha catástrofe inimaxinable, mesmo á desaparición da vida sobre a terra. Por eso, conclúe o citado profesor, a pesar dos defectos e as limitacións do primeiro mandatario, debemos sentirnos moi afortunados de que non sexa a persoa máis estúpida do mundo. Bromas á parte, a min o argumento paréceme tranquilizador e moi convincente.