Á MARXE / Carlos Casares
14 jul 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Parece mentira que os suecos, tan coidadosos sempre cos animais, meteran a pata dunha maneira tan escandalosa. Resulta que, segundo lin no Aftonbladet, un dos periódicos de máis tirada daquel país, acaban de crearlle un problema complicado ós alces. Os responsables da construcción dunha autoestrada non preveron que ían partirlles o territorio en dúas partes, sen posibilidade de comunicación entre eles. Dividiron familias, separaron a pais de fillos e racharon parellas de enamorados. Decatáronse cando as víctimas empezaron a achegarse ás alambradas que as separan, berrando desesperadamente unhas polas outras. Os enxeñeiros, preocupados polo número de persoas que se matan todos os anos ó chocaren cos seus coches contra estes bichos enormes, non pensaron que a valla protectora dos automobilistas convertíase nunha especie de muro de Berlín para estes reis dos bosques escandinavos. Xa está decidido o remedio, que vai consistir na contrucción de dezanove túneles, con anchura non só para permitir o paso dos animais, senón tamén para que se poidan ver dun lado ó outro, como se non houbese barreiras. Feito o anuncio, parece que a xente está xa moi tranquila. O que pasa é que a cousa tardará aínda meses e que, mentres tanto, os alces non o saben nin hai maneira de dicirllo. Apostaría algo contra nada que a estas horas, alguén perdido nunha casa situada no medio do bosque, andará dándolle voltas a un idioma para resolver estes casos.