BENXAMÍN CASAL DE COTÍO
12 jul 2001 . Actualizado a las 07:00 h.De novo comezou o Tour de Francia, un dos espectáculos deportivos máis fermosos. Poderemos disfrutar da emoción dos sprints e admira-lo esforzo dos escapados no ascenso ó Tourmalet ou ó Alpe d''Huez. Pero todo isto pode desaparecer se se repite o acoso que nos últimos anos se veu exercendo sobre os corredores. O esaxerado control antidopaxe crea confusión e pode destruí-lo Tour. Co asunto da dopaxe todo se pon en dúbida. Xa non son grandes Pantani, Virenque, Cipollini e quizais non o foron Anquetil ou o propio Indurain. E como Armstrong, vencedor de dous Tours, tivo de preparador a un médico implicado en procesos de dopaxe, xa se arroxan sombras sobre a súa extraordinaria traxectoria. Pódese convir que unha certa dopaxe sempre a houbo, pero coa aparición do deporte profesional e a irrupción das marcas comerciais acentuouse o problema. Pero por outra banda, a dopaxe está hoxe na vida cotiá. Na radio e na TV hai anuncios que ofrecen productos para mellora-los rendementos en calquera actividade. Na loita contra a dopaxe trataríase, segundo algúns, de protexe-lo deporte e a saúde dos deportistas. Non parece que se podan obxectar estes principios, anque si quizais a maneira de conseguilos. Habería que precisar primeiro cales métodos son artificiais, pois que a mellora dos medios mecánicos anque aumenta artificialmente os rendementos non se considera dopaxe e sen embargo non se permite a inxestión de certos estimulantes. Pero dos estimulantes naturais non todos se permiten e dos artificiais non todos se proscriben. Ademais, algúns deles só son dopaxe a partir dunha determinada dose. Os criterios non parecen claros. Se hai que poñer un límite, este debera se-lo que xa está establecido para os productos farmacéuticos. Porque é absurdo que determinados medicamentos que se lle venden a calquera na farmacia, e que o ciclista pode usar antes da carreira, non pode en troques usalos cando está correndo. Quer dicir que unha substancia é medicamento se o ciclista está arrefriado e se non o está é dopaxe. Se para caracteriza-la dopaxe non se pode determina-lo artificioso dos medios nin a súa dose, o auténtico límite debe se-la saúde do deportista e esta pode garantirse obrigando a cada equipo a manter un cadro médico-sanitario que responda da saúde dos ciclistas. E se o que importa é a saúde do deportista tamén se deberían prohibir algunhas prácticas de adestramento, como as de ximnastas ou jockeys.