INTELIXENCIA E SENTIDO COMÚN

La Voz

OPINIÓN

Á MARXE / Carlos Casares

05 jul 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Xa teño contado aquí que desde hai tempo levo sempre conmigo un pequeno ordenador de peto que me permite facer esta columna en calquera sitio, mesmo como se estivese escribindo cun lapis na palma da man. O problema é o lapis. Quero dicir que o aparato é tan pequeniño, moi pouco máis de dez centímetros de alto, que hai que meter as letras unha a unha cunha especie de punteiro. Como este artigo consta de mil trescentos caracteres, ese é o número de veces que eu hei de pinchar na pantalla para cumprir co deber de cada día. O que se gaña na comodidade de non ter que cargar con varios quilos de peso, ou na maravilla que supón levar unha máquina potente no espacio reducido dun peto da chaqueta, pérdese no encordio de escribir dunha maneira algo rudimentaria. Os optimistas din que non e aseguran que se pode escribir, por ese procedemento primitivo do punzón, á mesma velocidade que se teclea nun teclado. Confeso que a miña habilidade non dá para tanto. Pero onte chegoume un portento da intelixencia e o sentido común. Alguén tivo a ocorrencia de que se podía facer un teclado despregable, que na posición de descanso fose unha caixiña do mesmo tamaño que o ordenador de man, pero que ó abrirse en tres partes, se convertese nun teclado normal. A xenial idea, sinxela como todas as ideas xeniais, converteuse en realidade, pero nunha realidade ademais fermosa, por se non chegase con que fose práctica. Desde hai uns meses figura no Museo de Arte Moderna de Nova York, na sección dedicada ós grandes acertos no deseño industrial. Agora, nas viaxes poderei escribir sen torturar as mans.