O INIMIGO NA CASA / Luisa Castro
04 jul 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Hai ben pouco presentouse en Santiago o libro de Antonio Martínez, Soy Julia, unha novela dun periodista ben coñecido polo seu traballo como director e guionista do guiñol de Canal Plus. Estamos no vran. De que queren que lles fale. Dos libros que me gustan para fuxir das praias que non me gustan. Un libro tamén é unha praia, un remanso de paz, unha verdadeira vacación. E Soy Julia o é. Non é literatura repuxada, non é un obradoiro de palabras para contemplar aló ó lonxe, no horizonte dos museos e a Santa Literatura; é todo o contrario, unha avalancha de sensacións, de sentimentos, de pensamentos ben elixidos porque son vividos, sufridos, porque están pasados pola rede do cariño e da intelixencia, dúas cousas que probablemente teñen moito que ver unha coa outra. E é que o libro de Antonio Martínez é todo un tratado de iso que se chama intelixencia emocional. Este periodista que nos fai rir a escachar co seu guiñol de políticos que se pode ver por Canal Plus, é un home que cando volta á súa casa ocúpase de Julia, a súa nena de dous anos que padece unha grave lesión cerebral, e sobre a cal el escribe esta historia emocionante, seria, divertida e amante, todo a un tempo. Unha historia sobrecolledora e diaria que viven moitos pais, pero que ata agora non atopara unha canle que lle dera visibilidade, e Antonio Martínez atrévese con ela, atrévese con esa traxedia que garda no seu fondo a semilla máis doce da entrega, da responsabilidade, do amor. Non hai neste libro nin victimismo, nin revanchismo, nin rabia, nin sequera dor. Por enriba de todos eses sentimentos confusos campa sempre, como unha campeona, a súa filla, a portadora do amor, ese amor que fai que todo sufrimento, todo traballo, todo sacrificio se vexa recompensado e atenuado polo moito que recibe o que o dá. Eu estou escribindo este artigo e desexo xa voltar a esas páxinas onde Xulia, en primeira persoa, se expresa e conta aquilo que pasa na vida dos que pasan pola vida sen que pase nada. E todo sucede alí. Na súa mente rebelde e a penas formada que consigue arrancar a miragre de facer de seu pai, ó escribir esta historia, e de nós mesmos, ó lela, persoas formidables, capaces de sorrir coa dozura que só a máis terrible das circunstancias nos solicita, capaces tamén de poñer a man na chaga e de chamar a atención no noso valdeiro de intelixencia. Case todos nós debemos o que somos a nosos pais. Antonio debe ser a primeira persoa neste mundo que lle debe o seu libro, e a súa vida, ou gran parte do que na vida se pode aprender, se non todo, á súa filla, a esta Julia de dous anos que antes de morrer, pois así llo teñen advertido os médicos a seus pais, se decide a contar nun diario as súas aventuras de nena que non funciona, para que, quizais, os que si funcionamos, os que nos movemos, corremos, saltamos, pensamos, recordamos e sentimos, o fagamos mellor.