ÁREA DE SERVICIO / Antón Reixa
01 jul 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Non figuran en ningún censo de galegos residentes ausentes nin presentes pero ben poderían figurar nun censo de galegos acompañantes ou, incluso, serían merecedores do status pleno de cidadanía. Suman seiscentos mil en Galicia e aínda que son tan antagónicos como que son cans e gatos reciben o nome conxunto de animais de compañía, apelativo realmente preciso porque no noso país o catálogo de animais domésticos sería bastante máis amplo e peculiar (amais de comestible). Normalmente o aumento deste tipo de fauna de moqueta e parque público vese como un fenómeno positivo. Sicólogos e psiquiatras valoran os seus efectos terapeúticos, sobre todo para nenos, anciáns e solitarios en xeral. Aínda que supoño que non é moi popular o que vou dicir, penso que esta moda en expansión é unha tristeza. Tanto desde o punto de vista dos bichos animais como dos bichos humanos. Para min, os cans e os gatos son seres perpetuamente pensativos e polo tanto incomunicativos. Todo o contrario da nosa condición mamífera de considerar o silencio e a reflexión como unha avaría da rotina. Posiblemente resultámoslles molestos con tanta insistencia en falarlles. O veciño do segundo ten un gato porque está só, a do quinto un gato polas mesmas razóns. A cultura urbana das mascotas é a renuncia definitiva á solidariedade humana, unha especie de globalización da tristeza presentada como irreversible neste país de porcos e vacas en extinción ¿Qué pensarán gatos e cans?