Á MARXE / Carlos Casares
30 jun 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Teño un amigo que é un home dunha capacidade resolutiva eficaz e contundente. Con frecuencia acudo a el como avogado de causas difíciles, e case sempre mas acaba resolvendo. O outro día, por exemplo, ó regresar da viaxe que fixen polos países nórdicos, decateime de que perdera o meu pequeno ordenador de peto. Naturalmente, chameino de novo, pedíndolle axuda. Nada máis dicirllo, empezou a mover Roma con Santiago, falou coas compañías aéreas e os hoteis, falou con xente e averiguou traxectos, pero nesta ocasión non conseguiu nada. Pouco despois de comunicarme o fracaso das primeiras xestións, recibín a chamada dunha amiga da miña nai, coa que estiven falando algúns minutos. No medio da cháchara, saíu o asunto do ordenador. Coa mesma seguridade do meu amigo, díxome: «Non te preocupes, que lle vou rezar o responso a San Antonio, e xa verás como che aparece». Logo seguíu contándome os líos que tivo cuns recibos e unhas ventas, cousas nada importantes. Pola noite, antes de ir durmir, deume por mirar no peto dunha chaqueta, e alí estaba o ordenador. Quedei apampanado e logo boteime a rir. En realidade, o asunto, tal como se presentaba, era de solución imposible para o meu amigo, perdido na súa busca telefónica a través de hoteis e rutas aéreas internacionais. Non así para San Antonio, espírito sen carne, capaz de vir polo aire, entrar no meu armario sen que eu o advertira e resolver o problema. Un santo é un santo e un home é un home. Díxenllo ó día seguinte á amiga da miña nai e respondeume con total naturalidade: «Xa cho dicía eu». E púxose a falar de outra cousa.