CARLOS CASARES Á MARXE
29 jun 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Na columna de onte fixen unha alusión de pasada ás vacacións das vacas de Noruega, regulada por lei, como dicía. Un par de amigos tomárono por broma, cousa que non é. En realidade, as vacas daquel país teñen dereito legal a vacacións de verán. Ignoro se este recoñecemento garda algunha relación coa corrección que gastan os nórdicos, en xeral, para tratar a toda clase de animais, ou se, polo contrario, encerra unha forma sutil de explotalos mellor. Supoño que as mesmas dúbidas se poderían aplicar tamén ás persoas. Unha das películas máis divertidas que vin na miña vida vina precisamente en Suecia, alá polos anos setenta. Era unha cinta de debuxos animados, con forte carga política, penso que procedente dalgún país do Este. Recordo só que ós traballadores dunha empresa, os pesaban, mirábanlle os dentes, auscultábanos, todo para establecer cántos días de vacacións lles correspondían, minutos e segundos incluídos, para sacarlles o maior rendemento. As vacas de Noruega, como non será difícil supoñer, pasan case todo o ano pechadas nas cortes por causa da neve, pois viven nunha terra que só resulta habitable porque a Corrente do Golfo toca nas súas costas. Se non fose así, este país estaría como o sur de Groenlandia, que queda máis ou menos na mesma latitude que Oslo. A pesar de todo, as vacas pórtanse tan ben que dan leite suficiente para todos os noruegueses. En compensación, no verán teñen dereito a pasar dous meses ó aire libre, nas montañas. Certo que corren o risco de que os cazadores as confundan con alces. Claro que riscos tamén os corre a xente cando sae de vacacións.