LUIS SEOANE EN CUENCA

La Voz

OPINIÓN

XESÚS ALONSO MONTERO BEATUS QUI LEGIT

27 jun 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Hai días participei, nesa cidade, no curso «La novela española de nuestro tiempo», que clausurou José Saramago. Organizouno, no Centro de profesores, con eficacia e brillantez, Juan Manuel García Ruiz, e asistimos, para tratarmos da novela galega, Dolores Vilavedra, Manuel Rivas e máis eu, que falei da narrativa galega no exilio. Sabido é que o noso exilio republicano produciu poucos relatos longos na nosa lingua. Non podía ser doutro modo, se temos en conta que na diáspora, incluso en Buenos Aires, o mercado para este tipo de literatura no noso idioma era moi precario. Lémbrese que un narrador tan importante como Rafael Dieste non continúa, na Arxentina, a súa narrativa en galego. En realidade, os dous relatos de dicción máis ricos e valiosos da nosa diáspora nesas datas son obra de escritores emigrantes, aínda que están nas coordenadas ideolóxicas dos exiliados: Eduardo Blanco-Amor, autor de A esmorga (1959), e Xosé Neira Vilas, autor de Memorias dun neno labrego (1961). Lémbrese tamén que Blanco-Amor quixo publica-la súa maxistral novela en España, onde as autoridades culturais do franquismo prohibiron a súa edición no ano 1956, e sáibase que coas Memorias... de Neira Vilas, ese gran relato, houbo algúns problemas para reeditalo en Galicia en 1967, aínda en 1967. Dentro do relato curto en galego, ademais dos de Ramón de Valenzuela, hai, nalgunha revista, os do doutor Antonio Baltar, tamén exiliado, pero eu, na miña conferencia, subliñei e lin un de Luís Seoane, o único que coñezo en galego. Titúlase Homaxe a un paxaro e foi publicado, con 12 gravados en madeira do autor, nun fermoso álbum de Edicións do Castro no ano 1969. Protagoniza a historia -verdadeira- un fráxil paxariño, un «hornero», que morre queimado na casa do autor a pesar dos coidados e o agarimo del e da súa muller. A ducia de gravados -aclara Seoane- son «a homenaxe ó «hornero» morto no lume», o monumento que o artista ofrece a esta sinxela ave da Arxentina, el, que lle «faría moimentos de seixo e pizarra ás gaivotas e ós melros na Galicia». Seoane, o exiliado Luís Seoane, que estaba «sempre en Galicia», finalizaba o relato do coitado paxaro porteño con esta cavilación política: «Tamén, xa se sabe, faría moimentos, nun e noutro país, ós outros pantasmas nosos prohibidos». Non boto por ela se recoñezo que a miña lectura do conto de Seoane foi seguida coa atención que suscitan as historias humanas ben feitas e ben contadas. Fixen a lectura en castelán, pero, ó final, un grupo de profesoras dun obradoiro literario «esixíronma» en galego. O relato e as doce ilustracións interesaron moi en serio a Antonio Pérez, director, en Cuenca, dun Museo singular. Como especialista en libros de arte -algúns prodixiosos- quere reeditar este álbum de Luís Seoane, que acaba de conquista-la cidade de Cuenca co único relato que escribiu en galego.