ISAAC DÍAZ PARDO CRÓNICAS INCONFORMISTAS
24 jun 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Quen compón esta páxina do xornal, piadosa e cortesmente, aclaraba ata hai pouco ao pé do meu traballo que eu son un intelectual galeguista, cando realmente, son, como se sobretitulan estas notas, un inconformista sistemático e incómodo, que tamén presume doutros alcumes, como o de conservador/libertario... Penso que eso do galeguismo foi unha invención dos nacionalistas, chamados polas virtudes políticas de Castelao, coidando que o do nacionalismo galego molestaba a canto carpetovetónico reaccionario había no país que non entendían, e non entenden, que as Asambleas Nacionalistas non pretendían desmembrar ao Estado plurinacional, senón facer un recoñecemento das culturas diferenciadas que o forman e enriquecen restaurando autenticidades das características válidas hoxe da penínsua Ibérica, cun certo autogoberno e debotando as adherencias que nos foron pegando. Foi ese concepto dominante que se creou no centro da península como un falso nacionalismo castelán-leonés que no século XII dou lugar a que os condes de Portus Cale, arrastrando á Galiza bracarense, decidiran abandoar o concerto peninsular. Non é o ser auténtico de Castela e León o que condeamos, senón ese espíritu mesetario que artellaron uns «señores» que quixeron dominalo todo, confundindo con malicia e engano a unidade coa uniformidade. Non hai moito nos recordaba Carlos Mella, con motivo da imposición ou non do castelán como lingua, que na pragmática do 1717 prohibindo o uso doutras linguas peninsulares dise: «Publíquense las providencias templadas y disimuladas, para que se consiga el efecto sin que se note el cuidado», e Carlos enviaba esto con sorna: que o castelán non precisa defensores. Sendo moi importantes os escritores galegos que despertaron a conciencia galega dos nosos problemas históricos en función da nosa lingua, X. M. Pintos, Añón, Rosalía, Curros, Pondal... o galeguismo que encarnan os homes da xeración Nós, xa entendían que a reivindicación ten que ir máis alá da lingua e da cultura arqueolóxica; así Castelao, Bóveda, Peña Novo... ven que o problema de Galicia non é só lingüístico, por eso crean unha institución interáreas, o Seminario de Estudos Galegos, que o vai estudar todo, e por eso cando vén o franquismo matan a Bóveda, perseguen a Peña Novo, botan ao exilio a Castelao, a Portela Valladares, e a moitos máis, onde van morrer, asesinan a Blanco Torres, e expolian e prohiben ao Seminario... e todo isto dalgunha maneira segue o mesmo, aínda que a partir da morte de Franco non nos meten na cadea cando temos ocasión de decilo, mais a explotación dos nosos recursos por intereses alleos segue o mesmiño, pero medrando, namentras a maioría dos intelectuais permanecemos caladiños. Polo 1918, Castelao dicia aos rapaces: «A nosa terra non é nosa», e no 1936: «Para que a nosa terra sexa nosa, vota o estatuto», e agora que o temos Galiza é cada vez menos nosa.