ANTÓN REIXA ÁREA DE SERVICIO
17 jun 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Estaba (estou) impresionado. Tardei tempo en descifrar a información: Galicia estivo na Antártida. A cousa é simple pero máis importante do que parece: Galicia como todo referente mitolóxico de postín estivo sumerxida no océano (ata aí todo normal) pero todo isto pasou hai 400 millóns de anos e na Antártida (daquela o polo Norte estaba tamén no Polo Sur). Todo isto dedúcese dun par de fósiles da especie conodonto achados o outro día no Courel. Polo tal conodonto, eu dou en pensar, definitivamente, que o marisco é una miniatura xurásica en fuga desde a era terciaria e polo dato de que Galicia estivese na Antártida, que somos un país fóra de lugar, un país desencontrado. Desde que un meu amigo invisible me intentou convencer por Internet de que a proba irrefutable de que os viquingos estivesen en Catoira é que en islandés a palabra «muller» é «kona», creo que debemos buscar na casualidade irracional a explicación cósmica que nos falta para saír da perplexidade histórica que nos invade. Somos un país fóra de lugar e por iso, por exemplo, somos unha potencia en piratas informáticos, os máis poderosos da Rede, é dicir, o non lugar. A nosa condición dislocada ex-antártida pode explicar tamén por que o máis debatido das eleccións é o voto emigrante (dos que non están no lugar). Tardamos en entendelo pero xa está paleontoloxicamente claro: entre o Polo Norte e o Polo Sur, velaquí estamos, o Polo Depende, o polo (o pobo) fóra de lugar.