X.L. FRANCO GRANDE SOLEIRA
14 jun 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Pasaron as eleccións vascas pero chegou a situación do día despois -a victoria dos perdedores, os consellos, ou máis ben ordes, ós que gañaron, etcétera-, así como todo o demais: a volta ós sambenitos da Inquisición ou á estrela de David para certos delincuentes domésticos, o episodio nacional do bo do Joaquín José Martínez co seu corolario inevitable: a xustiza de acá é a boa, non a de alá, as vistosas collidas dun ou dous toureiros, a romería do Rocío, que un xa non está moi certo de non ter ido a ela... e moitas cousas máis. Manos mal que nos eliminaron de Roland Garros, que senón... Se temos capacidade para movilizar tantas enerxías, fagamos unha campaña a prol da limpeza dos xardíns públicos, ou para que as nosas rúas se vexan libres de defecacións caninas, ou para promove-lo uso do galego na familia e fóra dela, ou concienciar á xente para que fale máis baixo e non a berros, ou esixir dos políticos máis e mellor estilo, e unha chea de melloras máis que a calquera se le poden ocurrir e que tanto ben traerían á nosa sociedade. Pero non: ou estamos enrabechados cando as cousas saen mal -caso das eleccións no País Vasco- ou nos poñemos épicos se saen ben -caso de Joaquín José Martínez- ou se tanxen as febras máis sensibles do nacionalismo español: os touros, o Rocío. Estou convencido de que, de cando en vez, convén perder en Roland Garros, ou onde sexa. Pero perder. É hixiene mental, non masoquismo.