LEMBRANZA DE «JAVIER MARIÑO»

La Voz

OPINIÓN

FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO DE COTÍO

13 jun 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Gonzalo Torrente Ballester, o escritor que hai pouco que se nos foi, encetou a súa carreira de novelista despois de breves narracións iniciais, coa edición de Javier Mariño. Publicouse durante o primeiro período da dictadura franquista. Trátase dunha obra esquecida que ninguén rememora. Nembargante, non fuxiu da nosa acordanza a lectura que fixemos daquela narración primeiriza, a penas saída do prelo. Nesta novela, coa que Torrente inaugurou o seu exercicio de narrador, proxectou sobre un non doado escenario as vidas dos seus personaxes. Ás actitudes e artellamentos destes, quíxolles imprimir o tono moral, en viva simultaneidade co fondo estético que a novela alumaba. Había xa densidade e pensamento na prosa, que ía volando ao compás do argumento. No estilo non se batía con frívolas inxeniosidades e vaidades de léxico. Tampouco afloraba calquera actitude prosaica, civicamente desabrochada. Reflexaba un motivo con virtudes interiores esenciais, desenvolvido nunha linguaxe humana, quente, vital. Javier Mariño sae da paisaxe natal, abandonando o sentimentalismo de gaguexantes amores, e vai á caza dun mundo diferente. Bate en París con Paco Bernáldez, un sudamericano capaz de encher toda medida de amoralidade. Bernáldez trafica no vicio. É revolucionario. Ocúpase na máis desacreditada bohemia. Ven ser expresivo exemplo dun torvo realismo a toda cor. Sen embargo, a súa incapacidade moral opera sobre o ánimo do protagonista con acento moralizador. A subversión íntima asoma xa os seus relumbres. Javier Mariño recórtase, persoalizado no escenario parisino: Montparnasse, a Coupole, o Dome, Montmartre. No ambiente abulloado, revolto, con interseccións escuras, dunha residencia de estudiantes, coñece os máis diversos tipos. Madeleine, aristócrata e comunista, debuxa a súa perspectiva no ánimo de Javier, tanto como nas páxinas da novela. Enfoque premeditado O autor semella atoparse entón nun bivio insospeitado ante o cal resulta difícil decidirse. Pero apréciase axiña que non se perderon as pautas. O vieiro disectriz que reflexa o seu deseño, céntrase no enfoque premeditado da narración. Madelaine e Javier, malia os atariños en situacións diversas, dispáranse ao cabo cara ó camiño dunha dobre conversión. Desde Boulogne parten para España en troque de bogar cara ós soñados paraxes de América. A lectura da novela revelounos daquela o talento do autor novicio. Faltáballe, sen dúbida, o tempero necesario para axustar armonicamente tódolos elementos de que dispuña. Pero, en troque, abondaban os acertos de detalle, obedecentes ao arriscado empeño: o de crear unha forma de novela, con firmes contornos de preocupación estética, sincronizada cunha tonalidade moral.