A IMAXE MASCULINA

La Voz

OPINIÓN

MARINA MAYORAL TRIBUNA

10 jun 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Estiven estes días pasados en San Sebastián dando un taller sobre a imaxe da muller a través da literatura. Para mín a cousa non tiña maior novidade, ata que nun intre dado se me ocurriu pedirlle ó grupo, constituido por quince mulleres de diferentes edades e profesións, que puxesen por escrito o que para elas representaba a masculinidade, ou sexa, o conxunto de cualidades que identifican co xénero masculino. Xa algunha vez tiña feito algo deste tipo nos cursos de doutoramento, analizando a pervivencia dos tópicos ou dos mitos: o don juan, o príncipe azul, etcétera. Pero nunca me atopei cun conxunto tan homoxéneo de cualidades negativas como as que o grupo de Donostia identificaba co xénero masculino. Moitos dos rasgos eran máis atribuibles a una imaxe ou imago paterna que á dunha posible parella. Así moitas vían como cualidades esenciais do masculino o autoritarismo (non a autoridade), a rixidez, a inflexibilidade, o non escoitar, que adoitaba tamém a forma de incapacidade para o diálogo. Outra tanda de cualidades referíase á forza, sempre física, non como fortaleza moral. E á violencia: agresividade, rudeza, falta de sensibilidade. A palabra bruto apareceu varias veces, xunto a simple e tosco. A idea de protección, que loxicamente unha esperaría vinculada á idea de forza física, estaba ausente da imaxe masculina, e polo contrario era a fundamental na imaxe feminina, que apareceu como imago materna, cousa natural ó tratarse dun grupo de mulleres. ¿De donde procede esta visión tan negativa do masculino? Non só da experiencia persoal. Unha das cursillista dicía: eu teño un pai e un marido que son do máis comprensivo e garimoso, pero coido que son unha excepción. Perigo para a liberdade A min a pequena enquisa deixoume sorprendida. O feito de ser pouca xente non lle quita fiabilidade, como xa demostrou hai moitos anos o profesor Yela coa sua teoría das mostras pequenas. Tratándose dun grupo heteroxéneo, tanto pola edade como polas profesións, as súas opinións son perfectamente extrapolables. O único punto común era o de vivir no País Vasco. Eu non sei como interpretarlo. Quizá se deba a que as mulleres están nunha etapa de crítica ós esquemas ancestrais (rexeitamento da imago patriarcal) e sinten a tendencia agresiva do macho da especie humana como un perigo para a súa recente liberdade. ¡Quen sabe! En todo caso coido que val a pena reflexionar sobre esto.