UN SOÑO ROTO

La Voz

OPINIÓN

CARLOS CASARES Á MARXE

04 jun 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

O escritor nepalí a quen me referín no artigo de onte estaba convencido de que en economía todo era posible. Xa contei que nunha ocasión me preguntou cántos avións podía comprar cos meus ingresos dun ano. Como dixen, a súa desorientación procedía das diferencias de prezos que observaba entre o seu país e Canadá. Para que se entenda en qué consistían aquelas, abondará con recordar que aínda hoxe, transcurridos máis de dez anos, a renta dun nepalí é de menos de trinta mil pesetas, fronte ós catro millóns dun canadiense. A pregunta respecto do número de avións que eu podería mercar, foi precedida dun mal entendido que explica as cousas por si soas, sen necesidade de pensar que eu son un pouco esaxerado ou que o meu colega era algo simple, incluso un pouquiño bobo. O equívoco produciuse cando estabamos falando dos prezos dos libros e eu entendín que me preguntaba polo coste dunha edición, cando en realidade el quería saber cánto custaba un exemplar. De maneira que lle respondín que un libro podía costar entre trescentas mil pesetas, como mínimo, e varios millóns, como máximo. Aquel mesmo día, despois de tomar un café no hotel, pola noite, o amigo Nepalí preguntoume cántos libros tiña na miña casa. Foi despois de dicirlle a cifra aproximada, que se elevaba a varios miles, cando me fixo a pregunta do avión. Decateime do erro algo máis tarde, cando estaba a punto de empezar a durmir. Tiven a tentación de non aclararlle o disparate e deixalo vivir naquel circo de loucuras no que estaba vivindo. Ó día seguinte, sen embargo, díxenlle a verdade. Pareceume que se puña triste.