Á MARXE / Carlos Casares
04 jun 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Non me acordo como se chamaba, porque sempre lle chamei Nepalí, con plena satisfacción del, polo seu país de orixe. Coñecino en Toronto, nunha reunión de escritores, hai uns dez anos. Foi un dos homes máis inocentes que tratei na miña vida. Vivía enclaustrado dentro do hotel, sen atreverse a saír á rúa, pois nunha economía tan distinta da que el coñecía, todo lle parecía unha loucura. O que custaba un café equivalía á metade do seu soldo e o prezo da habitación, que non pagaba el, supuña varios anos de salario. Unha noite convideino a cear e entrou tan asustado no restaurante que me pediu que cambiásemos de sitio, pois el non pretendía comer outra cousa que un pequeno piscolabis. Logo, xa máis tranquilo, comeu como un sabañón: tiña fame. O que máis lle divertía era traducir os prezos runfantes da carta á moeda raquítica da súa terra. Cada vez que o facía, ría a gargalladas, como se de repente se sentise no circo ou nuns títeres. Gustaríame falar con el estes días, para que me contase os sucesos que conmocionan a súa nación, non pola traxedia en si, senón por esa cousa tan rara de que o asasino de toda a familia real fose nomeado herdeiro do trono, actuando os poderes constitucionais cuns escrúpulos de tipo legal que resultan case tan disparatados como eran para o meu colega os prezos do Canadá. É dicir, que o criminal non só non vai ó cárcere por matar ós seus pais, senón que se converte no rei do país. A min paréceme todo tan estraño como aquela pregunta que me fixo o amigo nepalí no Canadá: «¿Cantos avións podes comprar co que gañas nun ano?».