CLARIDADE PARA UNHA NOVA MAIORÍA

La Voz

OPINIÓN

TRIBUNA / Anxo Quintana (Senador do BNG)

02 jun 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Que na política se deben gardar as formas é unha norma básica de educación por todos aceitada. Que na oratória se recorra a espazos comuns e frases feitas é comprensíbel. Que a indefinición calculada forma parte da estratéxia é por todos sabido. Pero de aí a considerar as formas un fin en si mesmo, a utilizar a indefinición como arma básica do discurso, e a retórica como néboa que oculta a falla de proxecto, vai un grande treito. O treito que o pasado domingo na Coruña percorreron os dirixentes do PSOE, que ainda seguen dubidando, polo menos publicamente, de cal terá que ser o futuro Governo de Galiza. En toda sociedade democrática, a perda de maioría dun Governo esgotado debe dar paso a unha nova alternativa. Esa é a situación hoxe de Galiza, e a alternativa é un proxecto plural que conte co BNG e co PSOE. Negá-lo por falla de valentia política seria facer-lle un fraco favor á democrácia, e ocultá-lo por estratéxia partidista suporía axudar a manter un Governo incapaz de dar solución aos problemas do noso país. É certo que hoxe en dia o principal confronto en Galiza da-se entre o PP e o BNG. Non só por cuestións numéricas que os colocan eleitoralmente como primeira e segunda forza política, senón, e sobre todo, porque a defensa dos seus respeitivos proxectos políticos centra a discusión pública do país e resume os desexos de boa parte dos seus cidadáns. Pero tal circunstáncia non pode ser desculpa para que o terceiro en discórdia, o PSOE, que supostamente tamén aspira a desprazar democraticamente ao PP do Governo, utilice cada aparición pública para botar pedras contra o tellado do aliado antes que contra as do adversário, facendo ademais crítica da estética antes que da ética. O señor Zapatero pode considerar-se un privilexiado «por ver sempre na televisión ao señor Beiras enfadado», tal e como afirmou, porque a maior parte dos cidadáns nos sentimos asombrados por non poder ver ao señor Beiras cáseque nunca na televisión, nen enfadado nen rindo. Pero, polo visto, o señor Zapatero anda máis preocupado pola estética que pola cuestión de fundo. Dese xeito, perde unha boa oportunidade para denunciar a falla de pluralidade nos meios de comunicación públicos no canto de falar da faciana de Beiras, por certo bastante menos convencional que a sua. Cando o BNG era a terceira forza política, non dubidou en anunciar a sua aposta por un Governo que, cun programa alternativo e transformador, servira para superar a etapa do PP. Agora que o BNG lidera a oposición, é o PSOE ao que lle toca facer a mesma aposta. Eludir o convite afirmando que se fará «lo mejor para Galicia» é tanto como o pai que amosa indiferéncia polo sexo do seu futuro fillo e resolve o problema argumentando que «o importante é que veñan saniños». Acerta o pai que aposta pola saúde antes que pola intrascendéncia do sexo, pero erra o político que non acerta a calibrar a trascendéncia para Galiza do cámbio de Governo, e a necesidade dunha aposta clara e precisa para que iso se produza. Sotilezas aparte, todos sabemos que, chegado o caso, ao BNG e ao PSOE non lles ha quedar máis remedio que o de entender-se. Pero para que «chegue o caso» é preciso que todos arrimemos o ombreiro na mesma dirección para provocar a perda de maioría do PP. Iso é o único que se lle pede ao PSOE en Galiza. A non ser que nese partido trunfaran definitivamente os que consideran que o mellor candidato non é Beiras nen Touriño, senón Fraga. De ser así agradeceriamos pronta comunicación.