TINTÍN NA CHINA

La Voz

OPINIÓN

CARLOS CASARES Á MARXE

26 may 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Un amigo dicíame onte que non conseguía entender por que os chinos, que acaban de autorizar a publicación das historias de Tintín no seu país, excluíron o episodio que precisamente trata da China, o titulado O loto azul. Este álbum, que todo o mundo considera un dos mellores da colección, composta por vintetrés, está concebido como unha defensa do pobo chino e un ataque ó racismo occidental, representado por uns europeos innobres, prepotentes e estúpidos. Por outra parte, hai nel unha homenaxe emocinada a Tchang. Este Tchang foi un rapaz a quen Hergé, o creador de Tintín, coñeceu en Bélxica alá polos anos trinta, cando elaborou o citado episodio, e que lle quitou da cabeza os prexuízos que daquela había en Europa sobre os chinos, é dicir, ollos rasgados, coleta, comedores de niños de anduriña, recén nacidos tirados ós ríos, nenas atormentadas nos pes para que non lles medrasen. De todo esto fala Tintín con Tchang, que sae na historia. Non hai ningún motivo racional para prohibir O loto azul, como tampouco o había cando os nazis prohibiron Tintín en América ou cando alguén escribiu un artigo na prensa de non sei onde dicindo que Tintín era homosexual, pola súa amizade co capitán Haddock, ou cando unha liga de puritanos belgas pediu que se suprimira a Milú, o can, por borracho, pois xa se sabe que de cando en vez o simpático terrier colle unha petenera. Mentres non haxa unha forma de prohibir ós prohibidores, pasarán estas cousas. Ó final, por sorte, sucederá o de sempre: o censor desparecerá comido pola Historia e Tintín entrará triunfante na China.