PASEO POR RÍO DE JANEIRO

La Voz

OPINIÓN

CARLOS CASARES Á MARXE

22 may 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Como onte non tiña obrigacións que cumprir, dediqueime a pasear polo centro de Río de Janeiro, sen plan nin propósito, máis que nada para ver xente. Aínda que aquí din que xa estamos en tempada de frío, para min é como se fose pleno verán, e verán de calor. Seguindo as recomendacións que me fixeran algúns amigos, disfraceime de pobre, con pantalóns vaqueiros e un polo descolorido, con idea de que non me tomasen por un turista a desplumar, e boteime a andar polas rúas, sen relóxio, sen cámara e con moi pouco diñeiro nos petos. Non me pareceu para tanto. A cámara boteina de menos, pois Río de Janeiro é un espectáculo digno de ser retratado, especialmente eses tipos que actúan nas prazas. Vin a un domador de lagartos, a un tipo que vomitaba paxariños de colores, a un vendedor de alegrías (así se anunciaba) e a unha señora que adiviñaba o futuro por medio do que ela aseguraba que eran ás de mosquitos e que a min me pareceron cachos de plástico. Vin así mesmo a un negro de aspecto chinés, con bigotes fu-man-chú, que facía a Vaca Robustiana, unha cousa que tamén sei facer eu. Consiste en botar un vaso de auga entre as follas dun periódico ou unha revista, e logo sacar leite (ou viño). Parece un milagre, pero é un prodixio moi sinxelo. Vexo que, en caso de necesidade, eu tería futuro no Brasil, pois o artista gañaba bastantes cartos. De alí marchei a sentarme nun banco da Catedral Metropolitana: as igrexas dan moita paz. Cando saín, pasei por diante dunha tenda que ofrecía Cristos cun 20% de desconto, sen ningunha malicia. Cada un trafica co que pode.