MANUEL REGUEIRO TENREIRO TRIBUNA
21 may 2001 . Actualizado a las 07:00 h.As linguas faladas por comunidades non moi grandes cuantitativamente, chamadas de moitas maneiras (minoritarias, minoradas, vernáculas, rexionais, identitarias...), teñen problemas comúns no relativo a súa conservación e extensión de uso. Bástenos con ollar algunha publicación especializada para constatar ese feito. Se repasámo-la publicación do Consello de Europa (editado en galego polo Centro Ramón Piñeiro) Euromosaic, libro-investigación sobre as linguas europeas, podemos comproba-lo que rematamos de afirmar. Debemos recoñecer que a situación das linguas propias das comunidades consideradas históricas, entre as que se atopa a lingua galega, teñen unha situación de privilexio en comparación das outras linguas minoritarias europeas. Nunca resaltaremos suficientemente o efecto benéfico que para as nosas linguas tivo a Constitución española e os diferentes estatutos que, ó abeiro da Carta Magna, regularon a organización política do Estado español. Desde a aprobación da Constitución, pasando pola redacción dos estatutos de autonomía, ata a aprobación polos parlamentos autonómicos das leis de normalización lingüística, o devir das diferentes linguas foi sincronizado na súa penuria e esforzos pola súa pervivencia. A partir da posta en marcha dos preceptos que enmarcan a recuperación da riqueza lingüística de España principian os traballos de normalización. Cada comunidade autónoma desenvolveu uns plans para a recuperación dos usos sociais de cada idioma. É xa unha etapa na que, aínda habendo intensas relacións entre elas, cada comunidade imprime o seu sesgo ou o modelo que cre conveniente para a tarefa de normaliza-la lingua. A aposta galega para promove-la lingua galega pasa polo establecemento dun modelo harmónico de convivencia lingüística e o deseño de actividades sempre baseadas na convicción e na atracción. A tarefa do agarimo, da paciente persuasión, da invitación sincera tinxiron o empeño normalizador. Esta forma de traballar a prol da lingua tivo é ten a aprobación da nosa sociedade. As sucesivas enquisas así o manifestan, que aproban tal forma de política lingüística nun 92% das correspondentes mostras. O feito de que a gran maioría aprobe un xeito de xestión non debe escusar de ter en conta a opinión da minoría discrepante. Nefeuto, hai persoas ás que lle gustaría ver unha actuación máis contundente na aplicación da Lei de Normalización Lingüística, en especial esixen a adopción de medidas coactivas, incluso de sancións, nos casos en que haxa incumprimento no emprego de galego, por exemplo, nas aulas. Esta alternativa pode parecer lexítima, a primeira vista, pero a quen fai esta suxestión compre lembrarlle que a Lei de Normalización en ningún dos seus artigos contempla (nin implicitamente) tal posibilidade. Polo tanto, impoñer sancións no eido lingüístico, ademais de ser ilegal é tamén ir contra dun xeito propio de Galicia de normaliza-la lingua. Outras comunidades decidiron explorar camiños ben diferentes. Merecen respecto. Pero tamén debemos face-la avaliación dos resultados e, no que a nós se refire, podemos estar razoablemente satisfeitos do noso xeito de facer. Polos resultados positivos acadados: incremento (entre outros) de índices en falantes, capacidade de lectura e capacidade de escritura. Polos problemas evitados: inexistentes nas sondases sobre preocupacións das galegas e galegos. Polo prestixio recuperado para a lingua medido no nivel de satisfacción social. Se co xeito galego de normalizar respectámo-la lei, recuperámo-lo idioma e estamos satisfeitos socialmente, parece que o camiño é o adecuado.