PALABRAS SEN ROSTRO

La Voz

OPINIÓN

Á MARXE / Carlos Casares

18 may 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Onte pola mañá estiven chateando cos lectores da versión dixital deste periódico. A palabra non me gusta nada, pois parécese moito a tomar chatos. De maneira que será mellor dicir «dialogar a través do ordenador», aínda que tampouco sexa esta unha expresión completamente feliz. O importante é que se tratou dunha experiencia agradable. O peor, pensar que unha conversa particular poida chegar a ter certa trascendencia. Paréceme tan desmesurado como se o que dicimos á hora do café acabase recollido nos periódicos. Ó remate da sesión, cando lin as preguntas que me fixeron e as respostas que din, decateime de que habería que matizar as cousas. Non obstante, dixen o que penso e o que creo. Un non debe renunciar nunca á libertade. Despois do coloquio, marchei ó campo, á casa duns amigos. Paseando por entre prados e leiras, cruceime con moitas persoas. Todas daban as boas tardes, incluídos os nenos. Chamoume a atención que se conserve este bo costume de antes. Vai ser moi necesario no novo mundo que estamos creando, onde se fala con xente sen rostro, como me pasou a min onte pola mañá. As caras, aínda que non se vexan, síntense. Lástima que non se poida ser como aquel marabilloso personaxe dunha novela de Heinrich Böll, que cheiraba os alentos por teléfono.