A BAIXURA CHORA Ó SEU ÁRBITRO

La Voz

OPINIÓN

OBITUARIO JUAN JOSÉ ÁLVAREZ PÉREZ (1959-2001)

15 may 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Sabe-la gravidade da súa doenza en nada alixeirou a fonda tristura que hoxe vivemos na Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, da que Juan José Alvarez Pérez era segundo de a bordo. O seu optimismo e o seu carácter posibilista tíñanos contaxiados de esperanza. Mañán de silencio e brétema nos ollos en tódalas dependencias, porque ninguén podía tirar do seu maxín ó secretario xeral nin crer que xa non íamos facer máis mareas xuntos. Nado en Arbo hai tan só 42 anos, Juan José licenciouse en Direito en 1982 e, catro anos máis tarde, entrou a formar parte do Corpo de Xestión do Estado e da Seguridade Social e do INEM. Tras te-la responsabilidade da Asesoría Xurídica da Xerencia do Hospital Xeral de Galicia, entre 1988 e 1992 foi xefe de servicio de Xestión e Programación na Consellería da Presidencia, da que, a partir de esa data e xa integrado no Corpo Superior da Administración da Xunta, sería subdirector xeral de Réxime Xurídico e Relacións Laborais. Os seus coñecementos xurídicos, a súa capacidade de traballo, a súa desenvoltura e afabilidade, fixeron que Amancio Landín -hoxe roto- se fixara nel cando asumíu as responsabilidades pesqueiras no Goberno de Galicia. Non se trabucou. A pesca prende a Juan José e nunca pareceu un recén chegado. Desde o primeiro momento combinou o traballo de despacho co pateo portuario e axiña foi coñecido en lonxas e peiraos, e apreciado polo sector, igual daba si agrupado en opés, sindicatos ou confrarías. O anteproxecto da Lei de I+D; o desenvolvemento da Lei de Confrarías e a promulgación do Reglamento do funcionariado adscrito a estas entidades; a recopilación da normativa pesqueira; a informatización e automatización das lonxas; ou os equipamentos portuarios con fábricas de xeo, guindastres ou carros varadoiro, son algunhas das actuacións máis salientables nas que Juan José foi actor principal, pero teño para min que o sector vaino lembrar máis -e botar moito de menos- pola súa labor de árbitro: nada menos que 32 litixios polos límites dos ámbitos territoriais tivo que dirimir entre confrarías, participando ademais en cantos convenios colectivos se discutiron ó longo destas últimas lexislaturas. Espero que nos deixara en herdanza esa súa capacidade para plantarlle ó mal tempo boa cara. Ímola necesitar, porque el xa se foi.