O NOME QUE NOS FALTA

La Voz

OPINIÓN

Á MARXE / Carlos Casares

12 may 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Estiven vendo nos periódicos de onte as declaracións dese xeneral francés que acaba de publicar un libro no que conta cómo, durante a guerra de Arxelia, participou en detencións ilegais, torturas e execucións sumarias de algúns terroristas alxerianos. Lin a entrevista con ese señor de pasada, pois nestas cuestións relacionadas coa barbarie nunca hai nada novo que nos poida sorprender. Polo tanto, na información que acaba de proporcionar este xeneral de máis de oitenta anos, poderían aforrarse os detalles. Abondaría con titular, por exemplo: «En Arxelia, torturamos, secuestramos e fixemos execucións sumarias». O demais resultaría facilmente imaxinable. Dese xeito, quedaría espacio libre para falar de cousas con maior interese relacionadas cos mesmos feitos. Na entrevista da que falo hai unha nota, metida entre corchetes, destinada a aclarar unhas palabras do entrevistado. Di así: «Refírese a Louisette Ighilahriz, detida e torturada en 1957, cando tiña 20 anos, e a quen salvou da morte un médico militar francés». Pois aquí está a verdadeira noticia, perdida sen embargo nunha mención impersoal. Non se trata de saber qué sucedeu con esta rapaciña os días que a torturaron, cousa nada difícil de adiviñar, senón de coñecer cómo se chamaba o médico que a salvou, onde vive, a qué se dedica, qué clase de persoa é, e se conserva algún tipo de relación coa muller á cal axudou hai corenta e cinco anos. Resulta inxusto, mesmo absurdo, que todo o mundo saiba agora o nome do criminal e ninguén nos diga en cambio o nome do ser humano que mellor se portou.