DE SOL A SOL / Xosé Carlos Caneiro
03 may 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Hai mulleres que levan na súa alma as feridas de mil balas. Cobren o seu rostro cun veonegro, silentes, tristes, reducidas á condición máis miserable do ser humano. Sucede en Afganistán. E eu cómome o peito de impotencia e de rabia. E grito. Porque na historia do talibanismo esquecemos quen son os que propiciaron este goberno cruel. Olvidamos que Occidente vendeu as armas, Occidente encheu as páxinas dos seus periódicos con soflamas e panexíricos ao novo réxime instaurado naquel oriente, onde o sol sae envolto en lágrimas e cicatrices. Os malos eran os rusos. A ideoloxía capitalista gana á comunista en estratexia: ten un mellor sistema de autopropaganda e, por riba, goza da terapia da desmemoria. Todo o que non interesa, olvidámolo. Por iso, cando vexo no televisor o rostro tapado das mulleres afganas, eu síntome culpable. Culpable da súa fame, do desamor que reina nas súas cellas negras. Culpable por ver cómo venden o corpo para que os seus fillos teñan un anaco de pan, só pan, que levar á boca. Négome á desmemoria. Négome porque hai mulleres, en Afganistán, que levan na súa alma as feridas de mil balas.