BEATUS QUI LEGIT / Xesús Alonso Montero
01 may 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Acaba de falecer no Carballiño, ós 92 anos de idade, Manuel Bravo Silvares, loitador antifranquista coñecido na clandestinidade, o seu domicilio habitual, polo nome de «Mariño». Nacera no Irixo, na aldea de Froufe, o 19 de setembro de 1909. Curtido desde neno na dura montaña, ó morrer seu pai, abandona a casa, de pouco pan, á procura de traballo e dun pouco de compango en terras de Asturias. Aínda non cumprira 14 anos. Non sabía ler nin escribi-lo seu nome (aprendeu ós 25 anos). Mineiro, canteiro, albanel..., axiña adquire os argumentos da contestación social, e, en 1933, ingresa no Partido Comunista, a súa casa para sempre: na Revolución do 34, na Guerra Civil e na clandestinidade en Francia, país onde dedicou unha boa parte do seu tempo a amañar maletas de dobre fondo e outros artificios para que a Gestapo en París ou a Policía de Franco en Madrid non capturasen a propaganda política. Foi, durante case corenta anos, a súa principal contribución, sempre chea de riscos, á loita antifranquista. Sen homes desta pericia, desta abnegación e deste temple non son posibles importantes actividades políticas nas dificilísimas coordenadas da acción clandestina. Este e outros datos figuran no capítulo das súas Memorias, editadas por Víctor Santidrián no número 2 da revista dez.eme. Traballaba en Huesca cando se produciu a Sublevación do Dezaoito de Xullo, e contra os sublevados loitou nos grandes combates, os do Ebro incluídos, onde foi ferido. Regresou a Galicia despois da morte de Franco onde a súa filla, Jesusa, que case non coñecía, recibiu con comprensión ó vello e esforzado loitador. Ela e os seus trataron con agarimo a quen viña de batallas non sempre ben comprendidas. Este agarimo honra á filla, ós netos, ós seus próximos. Hai nove días, oito camaradas de «Mariño» fomos á remota aldea de Froufe a darlle o derradeiro adeus nun acto, sorprendentemente, incivil, ou sexa, non civil. Manuel Bravo «Mariño», que viviu desde moi novo á marxe da Igrexa, foi enterrado como se fose católico practicante. Nun momento do oficio relixioso, un neto seu, Adolfo, leu un breve e axeitado texto no que subliñaba, do avó, a entrega sacrificada a uns ideais, obviamente os socialistas e os laicos. A familia, que foi garimosa con este problemático idealista nos últimos anos da súa vida, cometeu o erro -quizais inducido- de non ser respectuosa co testamento que o vello militante comunista estivo escribindo durante case oitenta anos. Todos deberiamos saber -en primeiro lugar as familias e os párrocos- que temos dereito a un enterro condigno, dereito que debería ser protexido e explicado urbi et orbi. Camarada Mariño: ¡Saúde e laicismo!