FOLGA XERAL

La Voz

OPINIÓN

FERNANDO R. ACUÑA RÚA

30 abr 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

O máis definitorio da situación da nosa clase traballadora hoxendía, é que nunha fase de crecemento económico e incremento dos beneficios empresariais, vivimos na ¿reforma laboral? permanente e interminable. Ese proceso está a diminuir os dereitos laborais, mermando os salarios reais asi como as prestacións sociais e favorecendo a contratación precaria. Un proceso que ten como episodios sobranceiros a reforma de 1994, imposta polo Goberno; os pactos de 1996 e 1997, que rebaixaron as pensións e abarataron as modalidades de despido; o recente decreto-lei dictado polo Goberno Aznar; ou o máis recente pacto sobre a Seguridade Social asinado por CC OO coa patronal e o Goberno. A CIG sempre foi hostil con ese proceso desregulador e regresivo. Pensamos que o sindicalismo de acompañamento institucional practicado polas cúpulas dirixentes dos sindicatos estatais era un mal negocio para a clase traballadora e un abandono da función socialmente necesaria que corresponde ós sindicatos. O debate actual entre aqueles mesmos sindicatos é unha boa noticia. Suxire próximos cambios no bo sentido, alomenos en gran parte do sindicalismo estatal. Por iso, este 1º de Maio é especial. Debería afianzar un cambio de rumbo que xá se intúe na inmediata folga xeral que convocamos UGT de Galicia e CIG.