XOSÉ CARLOS CANEIRO BARCO DE PIRATAS
28 abr 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Eu sei que as sombras falan entre elas, de noite, cando ninguén as mira e o manto da mudez cae sobre a súa pel invisible pero negra. As sombras habitan edificios inmensos e cercan o teu territorio, o meu, este barco que avanza na tormenta gris de abril. É difícil librarse das sombras para sempre. Imposible. Abonda con abrir o periódico. A nai plantada diante do cárcere e que agarda a saída do seu fillo, enfermo. Tiña tres. Un deles morreu por sobredose. Os que quedan: inmunodeficiencia. Asco de vida. Non. Ela abraza o seu fillo, e rin, e senten o alivio da esperanza nadando, arriba arriba, polo peito. Ao final estas son as cousas que me interesan. As que teñen que ver, de verdade, co ser humano e co seu destino absurdo (¿existe algún destino máis absurdo que o destino do ser humano?). Todo o demais resulta fútil. Sen embargo o home vive como se fose eterno. Con metas, disgustos propiciados pola situación laboral ou económica, vilipendios, alegrías envoltas en sedas de amor e éxito. Pero non é este o lugar para filosofar sobre tan eximias profundidades. Non debo. Sempre nos quedará o goberno. Ou a selectividade, esa argucia. Ou os títulos dispensados con asignaturas suspensas. O importante é o papel que te capacite. Preocúpame a universidade. Pasou a cumprir un papel expendedor de licenciaturas e perdeu a aura humanística, e universal, que sempre definiu a súa pervivencia. Pode que o asunto mereza un comentario máis prolífico, tal vez a próxima semana. Hoxe quédome co soliloquio das sombras. É probable que decidan marcharse para sempre, que non regresen. Non o creo. Sempre haberá nais que agarden polo fillo enfermo, para abrazalo. E israelíes que choren o holocausto sen pensar, eles, no holocausto diario que viven os palestinos baixo o pé aniquilador de Goliat: os tanques en Gaza, os helicópteros e mísiles disparando contra as pedras, a alta tecnoloxía americana contra os brazos espidos dun árabe adolescente. As sombras, as sombras. Os náufragos no recanto da Fisterra. Montserrat Martínez, vinteún anos, asasinada. A autovía con guillotinas de asfalto. O corazón caprichoso que decide parar o concerto repetido: sístole, diástole, sístole, diástole. As sombras, que falan na soidade do seu mundo invisible pero negro. Menos mal que eu son un optimista, como vostede. Sei que non existe mellor bálsamo. O optimismo é alta literatura, aínda que se escriba mellor dende o outro lado. Dende a tristeza. Mentira. Dende a tristeza non podería redactar esta columna. Porque é domingo. Abril. Abrazos. Ela. El. O futuro, outra vez, mil veces... o futuro vai nadando entre as sombras. Esas que pronuncian, mudas, un soliloquio de horror.