MULTICULTURALISMO

La Voz

OPINIÓN

ANXO TARRÍO VARELA

27 abr 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Nalgún sitio teño escrito que, dada a (¿irreversíbel?) cadencia da nosa demografía, habería que ir afacéndose á idea de ver entrar unha inmigración multirracial que debería ser aplaudida e celebrada, pois imaxinaba eu unha sociedade feliz multicolor integrada nos valores da democracia occidental, falando as linguas de nós e enriquecendo con sangues de curricula diferentes e das máis insospeitadas latitudes esta nosa Galicia, que pode ir esmorecéndosenos e baleirándosenos ata ficar deserta, de non mediar remedio que o remedie. Valen as redundancias. Pero, claro, un comezou a oír noticias de degolamentos masivos na Alxeria, Alá (un certo Alá) mediante; de nenos e nenas, homes e mulleres fendidos polos alfanxes de Ruanda e doutros países africanos en nome da tribo ou vai ti saber qué deus terríbel; de clítoris e soños tronzados; ve aos energúmenos talibán, fanáticos posesos dos seus textos sagrados, arrasando, dinamitando literalmente toda cultura que non coincida exactamente cos catro mandamentos e consignas, disque divinas, dos seus cerebros de chufa e destrozando as vidas das súas propias mulleres. Fundamentalismos Un ve tan de preto, a poucos quilómetros de aquí, o cráneo explosionado de Miguel Ángel Blanco e de tantos homes e mulleres culpábeis tan só de quereren vivir ceibes e en paz, que un empezou hai xa tempo a recuar, sen llo dicir a ninguén, ou dicíndoo coa boca pequena pero sen expresar a dúbida publicamente, a recuar, digo, do inxenuo entusiasmo de inicio, e a ter que matizar e rectificar o seu soñado modelo polícromo e variocultural. Agora parece ser que o profesor Giovanni Sartori, mestre de sociólogos, expón nun ensaio que haberá que ler e que se titula na súa versión castelá La sociedad multiétnica. Pluralismo, multiculturalismo y extranjeros (Taurus, 2001) os perigos dunha permisividade excesiva respecto da entrada en Europa de xentes das que non sabemos qué virus tolos, de tolería fundamentalista para a nosa cultura, poden transmitir a unha sociedade como a que compoñemos e da que, con moito levarmos ás costas crimes como os do nazismo, o estalinismo ou o hiperneocapitalismo rampante, aínda podemos presumir, por tolerante e civilizada, en xeral. Haberá que ler a Sartori. Pero queda un dato importante para manter (con algo de autoengano, evidentemente) a esperanza e o entusiamo: as xentes que arriben aquí faranno, digo eu, por que se lles fai a vida imposíbel alá (¿Alá?, ¿Euskalerría?), e polo tanto deben ser xentes de nós. Pois entón, que sexan benvidas, sempre e cando limpen os pés na alfombra antifundamentalista, que todo se pega.