DOUTORAMENTO EN LEÓN

La Voz

OPINIÓN

Á MARXE CARLOS CASARES

26 abr 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Estiven en León para asistir ó acto de investidura como doctor honoris causa por aquela universidade, do profesor Manuel Díaz e Díaz, que foi catedrático de Latín en Santiago durante moitos anos, ata a súa xubilación. Trátase dunha figura de prestixio unanimemente recoñecido pola solidez da súa obra científica, coa que abriu camiños novos, sobre todo ó darlle a importancia que non tiña, fronte ó latín clásico, ó latín de épocas posteriores, especialmente dos tempos medievais. Así mo comentaron ó final un par de amigos, ambos os dous catedráticos da mesma especialidade e antigos alumnos e discípulos do profesor homenaxeado, que participaron na brillante cerimonia, xunto cun número enorme de doctores, entre os cales non faltaron varios colegas composteláns. Gustoume a liturxia do acto, solemne sen ser pesada, co boato que lle corresponde a este tipo de celebracións universitarias. Primeiro a longa procesión de doctores e doctoras, presidida polo rector e adornada pola rixidez teatral dun mestre de cerimonias impecable na súa representación. Despois, os cantos en latín, o ritual da entrega de anelo, birrete e medalla, o abrazo dos padriños. Só botei en falta que non se fixera todo en latín. Ó meu lado, un ilustre profesor británico, compañeiro do novo doctor, confesoume estar encantado por ver como a universidade española conserva estas vellas tradicións, ó revés do que sucede en Alemania, por exemplo. O único que non lle gustou, o retraso horario. Eu díxenlle que a min me chamaba a atención o contraste entre as togas e o descoido dos zapatos, bastante xeneralizado entre os señores profesores. Neso púxose a ler o seu discurso o profesor Díaz, e decateime que tampouco os seus ollos están novos. Uns ollos gastados. Un podía adiviñar neles, horas e horas de códices vistos con lupa, de textos centenarios lidos e voltos a ler. A luz que saía daqueles ollos abondaba para ennobrecer todo canto nos rodeaba. Incluso os zapatos máis vellos.