UN PAÍS EMPRENDEDOR

La Voz

OPINIÓN

EMILIO PÉREZ TOURIÑO LA GALICIA LUMINOSA

21 abr 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Galicia atópase, nos albores do novo século, diante dunha encrucillada que vai marca-lo futuro das vindeiras xeracións. A premura do discorrer dos acontecementos na sociedade da información e do coñecemento, no contexto dun mundo globalizado, sitúanos diante da escolla entre dous camiños nunha década crucial. A resignación conservadora amósanos unha senda que nos conduce cara a unha Galicia máis desertizada, máis desequilibrada territorialmente e máis encollida demográficamente. Unha política de reducción do gasto en protección, en benestar, en educación, en innovación. Un modelo de economía subsidiada e dependente cos motores económicos alén do Padornelo e a Canda. Un vieiro polo que tardaríamos 60 anos en iguala-las nosas rendas coa media española e europea. Un camiño pavimentado dun victimismo autocompasivo baixo o que se agocha unha realidade de febleza e de freo á sociedade civil, que impide que aproveitemos as nosas potencialidades para conducirnos cara a modernización efectiva. Pero existe outro camiño. Propoño que afrontemos o novo século desde a convicción da existencia dunha Galicia emprendedora, necesaria e posible. A Galicia da innovación tecnolóxica e da cualificación profesional da xuventude, da rede integrada de cidades, a Galicia dun novo modelo territorial baseado na integración equilibrada do territorio, na revitalización demográfica, a especialización productiva e o respecto ó medio ambiente. A Galicia do municipalismo e o federalismo como fórmulas de unión e de cooperación na España autonómica. A Galicia da equidade como principio orientador da acción pública e política. Mentres nas sociedades do noso entorno se traballaba pola construcción dun novo discurso político, superador da dualidade ideolóxica que marcara o século pasado, para afronta-los retos derivados da globalización, en Galicia o reto da modernidade aínda non foi plenamente asumido, o que está a provocar unha acentuada despolitización, e a sociedade deposita a súa confianza nunha pretendida eficacia tecnócrata, que provoca a inhibición da sociedade civil e a perda de protagonismo de cidadanía. Propoño recupera-la política e os seus valores. É preciso involucrar á sociedade na construcción de universos políticos que respondan ás inquedanzas das persoas, inmersas na globalización económica e social, que dea resposta ós problemas de identidade colectiva, e artelle o diálogo democrático. Porque as cousas poden ser distintas a como son, é necesaria unha nova escala de valores, distintos dos que imperan. O reforzamento e renovación do Estado do Benestar, superando a súa reducción a claves exclusivamente económicistas, debe ser un eixo vertebral da acción política na defensa e extensión dunha cohesión social que tanto tardamos en lograr e tanto esforzo nos costou, e que se atopa diante dos riscos derivados da estreita visión do Estado ó exclusivo servicio da eficacia económica. Rachar coas dinámicas que nos manteñen nos derradeiros postos de Europa implicará asemade un replantexamento do modelo territorial, tanto desde o interior -recoñecendo as rexións urbanas e as áreas metropolitanas dende Ferrol ata Oporto- como exteriormente, profundizando no desenvolvemento do Estado das Autonomías ó traverso dun novo impulso federal. Creo nunha Galicia involucrada en articula-la liberdade e a igualdade como valor orientador da acción política, a reformulación do papel da muller, a defensa da nosa identidade como un proceso de diálogo, aberto e democrático con outros espacios e culturas. Un proxecto necesariamente baseado na participación e o protagonismo da cidadanía, da maioría social que compoñen as galegas e os galegos do século XXI, chamados a protagonizar unha Galicia máis xusta e solidaria, máis moderna e competitiva. Temos identidade, capacidade, posición e recursos para poder gaña-lo futuro.