A VIRXE DO CRISTAL

La Voz

OPINIÓN

BEATUS QUI LEGIT / Xesús Alonso Montero

03 abr 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Non creo que haxa nas literaturas hispánicas do XIX unha lenda en verso tan inspirada e tan ben feita, nin sequera as de Zorrilla, coma esta de Curros Enríquez. Con este poema e dous máis gañou Curros o certame literario de Ourense do ano 1877, no que competíu cos mellores espadas da época, agás Rosalía de Castro, que tiña por norma non presentarse a certames poéticos. Sempre me asombrou que durante máis de cen anos os párrocos de Vilanova dos Infantes non fixesen unha edición do extraordinario poema de Curros, unha forma, eficaz e artística, de levar ó ánimo e á memoria dos fregueses (miles de devotas e devotos) a historia do milagroso cristal. Hai moitos anos, no verán de 1965, eu tiven o prodixioso cristaliño nas miñas mans despois de saudar a don Benito Montero, párroco, que saía da taberna próxima co vidro milagroso envolveito nun pano que extraeu do peto do pantalón (na igrexa -aclarou- tentaba ós ladróns). Polo que sei, co párroco sucesor, don Adolfo Enríquez, as medidas de seguridade son outras. Pero a historia do prodixioso cristaliño, tal como a contou Curros Enríquez en versos de ouro, nunca interesou á Igrexa: nin á galega, nin á de Ourense nin á de Vilanova dos Infantes. Ese desinterese das autoridades eclesiásticas subtraeulles ós fregueses unha fermosa lenda mariánica escrita por Curros, xa adulto, desde os supostos espirituais do neno que foi, do neno que oíu contar á súa nai a historia cos criterios e os modos da devoción popular. É certo que Curros nestas datas, 1877, xa atacaba, non sen razón, ós «pecados» do Clero (o da ignorancia tamén), pero non é menos certo que Curros conta a lenda como o faría, se tivese talento poético, súa nai, muller do pobo e de fe popular. Cando en 1965 lle suxerín a don Benito Montero que debería editar A Virxe do Cristal para as xentes devotas, esmereime en facerlle ver que, lonxe de ser un feito antifranquista, sería unha medida procatólica, pero debinme explicar tan mal que o tal don Benito olloume con retranca. Hoxe non é así e cónstame que don Adolfo Enríquez só agarda unha axudiña económica. Vaina ter. Hai sete días, don José Luis Baltar, presidente da Deputación provincial de Ourense, comprometeuse, ante a comisión organizadora do Congreso Curros Enríquez, a financiar unha edición numerosa de A Virxe do Cristal; tamén se comprometeu con outras actividades, laicas algunhas. Ó saírmos, alguén manifestou que lle parecía raro que eu, ateo militante (dixo el), estivese tan comprometido co espallamento da devoción popular. «Todo sexa por Curros», explicou outro interlocutor. A conversa rematou cando un terceiro suxeriu: «¿Non será un milagre -un máis- da Virxe do Cristal?».