OS CULPABLES DA CHUVIA

La Voz

OPINIÓN

Á MARXE / Carlos Casares

31 mar 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

O outro día, un amigo díxome que se houbese un culpable de que chovera tanto, xa lle tiña dado un par de labazadas. Recordoume a eses devotos italianos que lle baten ós santos cando estes non lles conceden o que piden, como ten pasado con San Genaro, que se non licúa o seu sangue, como é tradición, hai individuos que lle chaman cornudo e lle tiran cousas á cara. Non recordo agora que escritor italiano, aínda que teño a sospeita de que poida ser Curzio Malaparte, conta que unha vez se presentaron na igrexa da súa vila unha ducia de paisanos armados de escopetas de caza e lle dispararon varios tiros na cabeza a un santo, porque non chovía, e os mesmos tipos, uns meses despois, chimparon ó río a imaxe do santo, cunha pedra atada ó pescozo, porque non paraba de chover. Hai tamén o caso de Jacopo de Pazzi, o rival dos Médicis, que por culpa da chuvia andou metido en problemas despois de morto. Este home, cando viu fracasada a conxura que preparara para matar a Lorenzo, dentro da catedral de Florencia, empezou a pegarse labazadas a si mesmo sen parar, ata que o aforcaron, que entón dixo que lle deixaba o corpo ó Demo. Por aqueles días empezou a chover con furia e choveu tanto que a xente lle botou as culpas ó feito de que Jacopo estivese enterrado en terra sagrada. Así que o desenterraron, atáronlle unha corda ó pescozo e arrastrárono polas rúas de Florencia, facendo burla del. Logo tirárono ó río. Pero non rematou a cousa aí, porque nin desa maneira deixou de chover. Entón, uns rapaces pescaron os restos do morto como se fose un salmón, sacárono das augas do Arno e volveron montar outro entroido por rúas e prazas, pedíndolle ó ceo que parara aquel diluvio dunha vez. Ignoro como rematou esta historia toscana, aínda que é seguro que acabou por escampar. Non nos queda o consolo de pensar que o Ceo fixese xustiza con aqueles bárbaros, porque hai un dito que asegura que «os toscanos, ó inferno van ouriñar».