Á MARXE CARLOS CASARES
28 mar 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Todo canto leva chovido en Galicia durante os últimos meses foron tempos de sequía en Almería. Un pantano que avastece a cidade de auga está seco desde hai meses e os ríos non son ríos, senón camiños de terra. E sen embargo, na ducha do hotel corría a auga con forza e abundancia. Pola noite, mentres ceaba cun profesor deste curso de narrativa no que participei, pregunteille cómo era posible que estando o encoro enxoito, non houbese dificultades nos hoteis ou nos invernadoiros, que necesitan auga para sacar adiante as catro colleitas que recollen nun ano. Non soubo responderme, aínda que dixo que probablemente se facían pozos moi fondos. Supoño que serán fondísimos. O asunto deixoume pensativo durante toda a cea e parte da noite. ¿Poderíase furar todo canto se queira, incluso a terra de parte a parte, no suposto de que a técnica o permitise? Da mesma maneira que os países reservan dereitos de propiedade sobre as augas da costa, ou que cada país ten xurisdicción sobre o espacio aéreo, tería que haber tamén algunha norma que impidise que un señor de Almería, por exemplo, a través dun buraco, poidese roubar un nabo nunha leira de Nova Zelanda. Neste caso, o máis xusto sería partir polo medio. Quero dicir que a terra que hai debaixo do meu xardín debe ser miña ata a metade, ou sexa, ata o centro da Terra, onde empeza a ser do señor das antípodas que teóricamente ten os seus pés postos contra os meus. Ignoro se estará resolto xurídicamente este problema, pero en caso contrario conviría ir facendo algo ó respecto, polo que poida ocorrer no futuro, cos avances previsibles. Non esquezamos que a xente é cada vez máis celosa do seu e que os países pequenos, por exemplo, furando cara abaixo, acabarían sendo moitísimo máis grandes, miles de millóns de veces máis grandes do que son agora. E máis profundos, no bo sentido da palabra. O único inconveniente de todo esto sería que furando, furando, chegásemos ó inferno.