BENIGNO PRADO
27 mar 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Darlle voltas e mais reviravoltas á veracidade dos inquéritos ou á sua influencia é unha parvada de paradigma. Mesmo nos tempos -xa resesos- da «desideoloxización», «o solpor das ideoloxías», a «globalización», o «devalar.» A maioria da xente, hoxe como onte, nos dous hemisferios, sen prexuizo do arraigo ou da novidade da democracia, vota a dous partidos. O movimento soterrado da historia, o refruxo e o fruxo dos que están e dos que aspiran a vir, provoca marés, que rillan devagar nos cantís do Poder, e volta a comezar nun novo devir dialéctico infindo. Sumadas ambas as duas tendencias, significan arredor da metade, arriba ou abaixo, de quen emite o seu sufraxio ¿non si? Matizada esta realidade polo sistema eleitoral concreto, quer un dos grandes arrapaña escanos e atinxe a maioria absoluta, quer se sitúa á sua beira, case a salvo na boa orela dos escollidos. Nos países «homoxéneos» isto tradúcese nunha alternancia nidia tanto se prima o procedimento maioritario puro, como no caso dos Estados cunha terceira formación política, asemade con raigañas, que fai de gonzo, a destra ou a sinistra. As cousas complícanse cando se precisa dun partido, tamén á esquerda ou á dereita, pequenonacionalista, se se tratar de elicións xerais, ou nacionalista fronte a non nacionalistas, nos Estados plurinacionais, de corte autonomista e semellantes, agás nos federais, onde o desenvolvimento voluntario dun pacto sinalagmático remata por agromar nunha unión real logo dun libre proceso evolutivo de todos. E chegamos ás nosas eleicións, as vindeiras «autonómicas» galegas, coa condición de pasar antes polos de sempre na análise das probabilidades. En Cataluña é posíbel unha coalición CiU-PSC. En Euskadi, outra PNV-PSE. O mesmo que en Galicia, hipotéticamente entre o PSdeG e o BNG, só que nen o Bloque chega a ser ainda CiU ou o PNV, nen o PSOE, por moito «de» que lle bote, o PSC, nen sequer o PSE. Todo isto, desde logo, se fixésemos abstracción da senlleira, esmagante persoalidade de Fraga, sen parangón en todo o Estado das Autonomías.