CUESTIÓNS DE MÉTODO

La Voz

OPINIÓN

Á MARXE CARLOS CASARES

25 mar 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

É probable que Baroja fose un mentirán. Parece seguro que escribiu palabras eloxiosas sobre Pilar Primo de Rivera, á cal cualificou de «mujer admirable», e non hai dúbida de que deixou escritas algunhas páxinas pouco gloriosas en contra dos xudeus, ou que se amosaba partidario dunha dictadura, mesmo incluso que defendía a teoría de que había que fusilar máis. Confeso que algunhas destas cousas lamentables de don Pío descubrinas na biografía que lle acaba de dedicar Eduardo Gil Bera, á cal me referín onte. O outro día, en Valladolid, nunha tertulia, falouse deste libro e alguén dixo que era xenial, destacando, por exemplo, o capítulo dedicado á próstata do escritor. Pois capítulos como ese son precisamente os que a min me botaron para atrás. Dicir que Baroja era un «prostático resentido» ou que era o prostático máis mozo entre todos os pacientes do médico que o operou, o cal lle serviu para concederlle a gloria «de ser, en efecto, el más joven en algo», non parece que sirva para outra cousa que para exercer o enxeño a costa das miserias físicas de alguén. Tampouco sei para qué serve dicir que Baroja «sólo fumaba cuando le daban y tenía que ser rubio». Pero se o libro está escrito contra Baroja, non menos certo é que está escrito tamén contra o seu sobriño, o antropólogo Julio Caro Baroja, a quen se acusa de ignorante e de mentirán. É probable que ó autor desta biografía o movese o afán de buscar a verdade, pero dá a sensación de que pode haber algo máis. Nunhas declaracións recentes el mesmo dixo que, na investigación que levou a cabo para elaborar o libro, seguiu un principio: se Baroja escribira algunha vez que non estivera en tal sitio, había que pensar automaticamente en todo o contrario. Non parece un bo método. Con igual motivo se podería dicir que xa que Gil Bera confesa ser sobriño do cura de Vera, o lugar onde Baroja tiña a súa casa, hai que pensar que esta furia procede dalgún problema de tipo persoal.