GRACIÁN

La Voz

OPINIÓN

OS PASOS PERDIDOS / Xosé Díaz

22 mar 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

Dicía Gracián, no seu Oráculo manual e arte de prudencia, agora superventas nos Estados Unidos, que «o máis dificultoso do correr está no parar». Referiase o xesuíta non so á dificultade da parada canto maior é a velocidade, senón a que hai que saber pararse a tempo. Ninguén discutirá a oportunidade deste consello nos tempos que corren, que tanto corren que por veces nin nos decatamos do esencial, nin sabemos deter a viaxe aloucada cara non se sabe onde. As calamidades destes últimos anos, entre as que non son alleos os sucesivos desastres alimentarios que semella non teñen fin ¿non están ligadas acaso a esa ideoloxía, reavivada coa caída do muro de Berlín, que impón a liberdade máis grande, non para os seres humanos, senón para as mercancías? E volvo preguntar: ¿quen nos vai arranxar os graves problemas que tal ideoloxía está a aprovocar? A resposta é sabida: o Estado. Xamais na historia da nosa sociedade está a ser tan determinante o seu papel como nestes momentos que nos toca vivir, onde so el pode correxir os desastres que provoca esta praga ultraliberal en voga, que ten o descaro de argumentar que a sociedade mellor é a que posúe unha iniciativa privada grande, pero un Estado cativo. Por iso Gracián, despóis de expoñer os perigos do correr, algo máis adiante no seu manual déixanos caer con pasmosa actualidade que «máis vale ser estafados no precio que na mercancía». Desde logo, porque entre perder uns cartos a pillar unha desas atroces enfermidades, aínda che hai unha boa diferencia. Sabios consellos do manual de don Baltasar no cuarto centenario do seu nacemento.