ÁREA DE SERVICIO / Antón Reixa
19 mar 2001 . Actualizado a las 06:00 h.O subcomandante Marcos e milleiros de seguidores abandonaron a selva de Chiapas para esperar na capital unha solución racional e pacífica ó seu conflicto, que non é outro cá perpetua causa da pobreza, o pan, o traballo e a igualdade para os culturalmente diferentes. Marcos exerce a estética da paciencia e a ética pragmática e sincera da insolencia. Todo, no entorno do movemento zapatista, está en función do obxectivo final, mesmo ese marketing excéntrico e eficaz, ó que non lle falta un toque de cinismo intelixente: a coquetería misteriosa dos enmascarados, a invocación á historia e á tradición (Zapata), o indixenismo solidario e ecoloxista, esa apariencia descoidada de guerrilla de roupa usada e armamento de segunda man que transmite calquera cousa menos agresividade belicista, a proxección internacional do seu conflicto promovendo durante anos a selva como unha especie de destino turístico de resistencia, pero, sobre todo, a utilización sabia e reiterada da palabra. Falar moito e ben En realidade, todo o que fixo Marcos desde a súa aparición en escena, foi falar, falar moito e ben coa forma explosiva e suxerente da linguaxe poética para facer sentir a súa voz no mundo desde a escuridade asombrada da selva. En Marcos faise verdade aquel verso de Celaya de que «la poesía es un arma cargada de futuro». Barroco, sensual e primitivo, unha mestura de Lezama Lima e Confucio. Alguén que di «queremos un mundo onde caiban todos os mundos» é un tipo de fiar porque postula a soberanía e o poder da palabra.