PACTO VIRTUAL, VOTO REAL

La Voz

OPINIÓN

LOS PACTOS POST-ELECTORALES EN GALICIA JUSTO GONZÁLEZ BERAMENDI

17 mar 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

Os pactos que se poderían facer, e que probablemente non se farán, logo das vindeiras eleccións galegas empezan a cotizar na Bolsa política, subsector mercado de futuros. ¿Modos importados da nova economía? Non. Cousas da vella política, que en toda época soubo crear escenarios virtuais -ora engados, ora espantallos- cos que activar arelas e medos do electorado para obter votos, estes si, moi reais. Parece obvio que, de non mediar un terremoto político, o PP seguirá a ser a forza máis votada. En cambio, non está garantida a maioría absoluta, nin quen será segundo e quen terceiro, se ben as enquisas dan vantaxe ó BNG. De non haber maioría absoluta do PP, e tendo en conta que ningún dos outros partidos vai tela, abriríase o escenario dos pactos necesarios para formar un goberno estable. O PP e o BNG teñen moi claro o que queren e a quen non queren: o primero, manterse no poder para, segundo propia confesión, seguir facendo o mesmo que leva a facer vinte anos; o segundo, desprazar do poder ó PP para «rexenerar a democracia» e aplicar un programa negociado co PSOE. Xa que logo, só hai dúas alianzas posibles: PP-PSOE e BNG-PSOE. En suma, decidirían os socialistas. Isto parece colocalos nunha situación privilexiada. Pero a política fai ás veces agasallos envenenados. ¿Que faría o PSOE? Esta pregunta lévanos a outra: á parte de medrar por riba do BNG para recuperar a posición perdida ¿que quere o PSOE? Non é doado sabelo porque en Galicia tivo sempre dúas almas con querencias contradictorias. A súa alma xacobina, responsable do desastre de 1997, pídelle combater ó BNG como se de ETA-HB se tratase, aínda ó prezo de se converter en acólito e cómplice do PP negándose a si mesmo. Por iso coido improbable esta saída. E a súa alma federalista pídelle entenderse co BNG para formar unha verdadeira alternativa de poder, algo de tan urxente hixiene democrática en Galicia como pregoa o PP alí onde está na oposición. Pero esta segunda opción só sería políticamente rendible para os socialistas se superasen ó BNG e puidesen marcar as pautas do pacto. Mais se é o BNG quen ten que marcalas, os socialistas correrían o risco de encistarse na posición de eterno segundón do centro-esquerda. O público capta estas vacilacións e non ve clara a alternativa, aquí necesariamente dual. Pero, de non ser creíble antes das eleccións un entendemento ulterior PSOE-BNG, moitos, na dúbida, votarán polo malo coñecido. Como en 1997.