Á MARXE CARLOS CASARES
15 mar 2001 . Actualizado a las 06:00 h.Non sei se contei algunha vez o que me pasou nunha ocasión cun grupiño de nenos nunha escola, que me chamaron mentirán a voces. Resulta que ía dar unha charla para os maiores e no camiño que me levaba á aula onde tiña que falar, saíume ó encontro unha profesora que me pediu que entrase durante un par de minutos na súa clase para dicirlle dúas palabras ós alumnos, todos tan pequenos que non podían asistir á conferencia. Aceptei, de acordo co director, e alá fun, disposto a vivir unha nova experiencia. Os rapaciños estaban moi calados e escoitaron en silencio a presentación que lles fixo a mestra. Polas caras víase ben que se sentían contentos e que pensaban que aquel señor que lles acababan de presentar debía ser moi importante. A profesora contoulles un conto. Non recordo os detalles do relato, pero si o seu significado. Era unha parábola destinada a convencelos de que a lingua galega había que coidala e mimala como se fose unha flor. Rematada a historia, a señorita volveuse cara a min e preguntoume: «¿Verdade que a lingua galega é unha flor?». Sen medir a transcendencia da resposta dixen que si. Entón un coro unánime empezou a berrar: «¡Mentiroso! ¡Mentiroso!». Alguén que sabe da psicoloxía dos pequenos explicoume logo que estes son moi realistas, aínda que sexan capaces tamén de vivir na fantasía. Debe ser así porque o outro día pasou algo parecido con Marilia, a nena da cal teño falado aquí outras veces. Estaba enferma e levárona ó ambulatorio. Nada importante, a non ser que tiveron que poñerlle unha inxección. A enfermeira, unha muller e simpática, por facerlle o trance fácil á meniña, tocoulle nun brazo e díxolle: «A ver, que che quito unha mosca que tes aquí». E cravoulle a agulla. Nese momento, Marilia, chorando de rabia, que non de dolor, berroulle: «¡Mentirosa, que non hai ningunha mosca! ¡Eso é unha inxección!». Realismo puro e duro. Preparatorio para exercer algún día o sentido común.