XOSÉ DÍAZ OS PASOS PERDIDOS
15 mar 2001 . Actualizado a las 06:00 h.A transformación cultural que sufre Europa no século XIX, provocada pola aparición dunha clase social industrial transplatada do medio rural ás grandes concentracións urbanas, orixina unha «crise como non houbo outra na terra», tal como a califica Federico Nietzche no seu libro Ecce Homo. Consecuencia do trasvase de valores e o esquecemento de antigas ideas e categorías, a crise produce un valeiro na nova sociedade desarraigada e a aparición dun sentimento de decadencia contra o que loitan os creadores máis talentosos. Nos albores do século XX Europa reacciona á decadencia e xurden as vangardas, que dende as artes, a arquitectura, o deseño, a literatura... traballan para darlle un sentido a esa nova orde social fracturada e abren un periodo de gran esplendor. Pero fascismo e estalinismo encárganse de enterrala, e o vello continente retorna de novo a súa profunda decadencia: primeiro no fragor das dúas guerras monstruosas, despóis baixo a tutela da emerxente América. Rotos os cordóns umbilicais que nutrían as súas diversas identidades, afogada entre os fumes das súas xigantescas fábricas e as empezoñadas augas dos seus mares, e ante a impasibilidade dos seus intelectuais e artistas, Europa remata o seu segundo milenio lánguida, desnorteada e convertida en base de operacións de intereses alleos. O século XVIII foi o da Ilustración, o XIX da decadencia, o XX da destrucción. ¿Pensa alguén que entramos no XXI con algún síntoma de recuperación? Que volva Federico e nos repita: «son un fillo desta época, quero dicir, un decadente». ¡En Europa xa non sabemos nin coidar as vacas!