Á MARXE CARLOS CASARES
14 mar 2001 . Actualizado a las 06:00 h.Debeu ser alá polos anos cincuenta, creo que a mediados da década. Un médico que non exercía a profesión, un tipo bastante aloucado en algo tarambaina, simpático e con vocación e cualidades para ser un bo golfo, montou en Barcelona un restaurante que se chamaba A lo loco, coincidindo cunha canción que estaba de moda naquela época e que no refrán repetía unha frase que dicía: «¡A lo loco se vive mejor!». O citado restaurante consistía nunha gamberrada, que tiña como gracia principal non servirlle nunca ó cliente o que este pedía. Así, por exemplo, se alguén encargaba unha chuleta, dábanlle un par de ovos fritos, e se demandaba unha pescada, púñanlle riles ó xerez. Unha vez, un primo meu pagou cun botón, para seguir a broma, pero déronlle a volta en diñeiro. Aquel xesto valeulle unha amizade co dono do restaurante, que duraría anos. Enganchaban ben ambos polo lado da simpatía. Foi por esa razón pola que eu coñecín a aquel señor, que na época en que o tratei xa non rexentaba o vello negocio, senón que se dedicaba a facer análisis financieros, actividade que nunca souben en que consistía, pero que sospeito ocultaba algunha outra golfería. Máis tarde, este mesmo señor dedicouse á fabricación de Aire de España Enlatado e incluso puxo un negocio de alquiler de burros. Nada lle foi ben. Non me estraña, porque no mundo da economía cada vez resulta máis difícil entender nada. Estes días, por exemplo, os periódicos contan que unha empresa sueca que fabrica teléfonos móbiles vai despedir a non sei cantos miles de traballadores, a pesar de que todo o mundo compra teléfonos móbiles, e que unha firma americana que produce microprocesadores, vai facer o mesmo, a pesar de que se venden como churros. Unha de dúas, ou hai moita incompetencia ou hai moita golfería. Gustaríame coñecer a opinión do antigo propietario do restaurante A lo loco e que me explicase por qué lle fracasou o negocio de vender aire.