CARDO E O CURA RESTITUTO

La Voz

OPINIÓN

Á MARXE CARLOS CASARES

12 mar 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

Onte pola tarde estiven lendo unha revista na cal se di que nos Estados Unidos parece que toman en serio ó astrólogo Gerolamo Cardano, pois na universidade de Harvard acaban de dedicarlle un libro. Desas cousas relacionadas coa lectura dos astros eu non entendo nada, pero o personaxe, máis alá do valor que puidesen ter outras actividades ás que se dedicou, como a medicina, era un gran mentirán. Abonda ler o libro da súa vida. Cando nel fala das xentes que curou, un ten a impresión de que pode dicir a verdade, pois cita ós enfermos polos seus nomes, entre eles algunhas figuras do século XVI, pero cando enumera as cualidades con que se viu agraciado por Deus, un non sabe se cualificalo de inxenuo, cínico ou propagandista de si mesmo. Desas presuntas cualidades outorgadas polo ceo, unha delas consistía en ver de noite igual que se fose de día. Outra era a capacidade para entrar en éxtase sempre que quería, aínda que non estaba seguro de que nese estado puidese soportar pinchazos ou beliscos sen sentilos, como din que lle pasaba a algúns santos e xentes de ben. Así mesmo, Cardano tiña o don de ver en soños por anticipado o que logo ía ocorrer na realidade. Con todo, a cualidade máis sorprendente do italiano consistía en que todo o que lle ía pasar no futuro deixáballe previamente unha marca nas uñas: unha pinta negra no dedo medio, se se trataba de algo malo, e unha pinta branca, se se trataba de algo bo. Neste último caso, a mancha podía aparecer en distintos dedos: no polgar era un ascenso; no índice, significaba riquezas; no maimiño anunciaba calquera ben sen importancia. Por suposto, o propietario de tales dons non pretendía presentarse como un ser único, de maneira que no seu libro recoñece que outras persoas antes que el gozaron tamén de cualidades semellantes: Tiberio César, Platón, Hipócrates. O das uñas, non. Polo que o feliz detentador de tal cualidade sabe, só coñece outro caso igual: o cura Restituto.