ISAAC DÍAZ PARDO CRÓNICAS INCONFORMISTAS
04 mar 2001 . Actualizado a las 06:00 h.Ten un responsable común o das vacas tolas, agora os porcos e as ovellas, a pesca, o uranio empobrecido, e o dos inmigrantes, ademais do que virá como consecuencia da detracción destas riquezas, e doutras que se han sumar. O racional houbese sido axudar a eses pobos africanos, que un día foron colonias dos estados europeus, e elevar a súa formación, completar a súa cultura, e axudalos a se desenvolver económicamente na súa propia terra, coa súa identidade. Nada desto se fixo. Amigos que coñecen ben o problema africano sosteñen que foi Norteamérica, fortalecida ao saír da II Guerra Mundial, sumando intereses dos seus colabouradores na Europa, quen apresurou a descolonización africana. E cando nalgún pobo descolonizado algún grupo tiña concencia de reconducir a descolonización o establishment ianqui, ou os seus aliados europeos, botaban man do asasinato para eliminar calquer designio que se lles opuxese. Así asesinaron ao Dr. Patricio Lumumba, que polo ano 60 se propuña desenvolver o Congo, o que estaba creando unha esperanza en toda a África. E o mesmo sucedeu con Angola, na que Agostinho Neto pretendía outro tanto como Lumumba, e axiña un mercenario, Jones Savimbi, con abundante armamento que recibeu dos EE UU, comenzou a combater o novo Estado, aínda que non lle deu tempo a asasinar a Neto porque a tres anos da independencia morría nun hospital de Moscú. Así as cousas o camiño de África ficou libre para canto especulador poido apropiarse directamente das inmensas riquezas que garda o continente. O pobo norteamericano, en xeral, é un pobo moi respetable, que fixo, e fai, cousas admirables, mais o poder do establishment, que é o que manda por riba do Goberno, que, para o caso, é quen pon os gobernos, está a defender os seus insaciabeis negocios, sen outra lei que a súa lei, e cando ulen que hai petróleo ou outra riqueza utilizan as armas para se abrir camiño, aínda que as veces atopen resistencias como no caso do Irak. Con todo esto os máis ricos que había no mundo poideron enriquecerse máis, namentras os máis pobres do continente africano ficaron máis pobres que antes, e urxidos pola fame vanse a onde sospeitan que hai comida, e non hai forza que os deteña, porque a fame é unha arma máis política e poderosa que as convencionais, e nonos vai deter o saber que moitos van morrer no camiño. Pra eles Europa vai ser como unha terra prometida, e España o paso natural para desembarcar nela. Certo que a inmigración africana está acompañada do problema doutras inmigracións doutros continentes, mais, posiblemente, teñen unha etioloxía semellante. O comercio, cando non había tanta ciencia e tanta técnica, que non foi capaz de evitar os grandes problemas que temos, era unha razón natural da vida humana. Agora hai unha hipertrofia comercial axudada por estes medios avanzados, apoiados no neoliberalismo, que, sen unha lei moral que o deteña, está a piques de afundilo todo.